― Ángeles Vázquez avanza que inclúe un programa de actuacións que prevé un investimento de preto de 350.000 euros nos próximos dez anos
― Incide en que o obxectivo desta iniciativa é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público así como identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar
A Carballa da Rocha convértese no quinto monumento natural de Galicia en contar cun plan de xestión para garantir a súa preservación, que inclúe un programa de actuacións que prevé un investimento de preto de 350.000 euros na vindeira década.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou a este espazo protexido que se localiza en Rairiz de Veiga, o obxectivo deste instrumento de planificación é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público así como identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar.
Deste xeito, a través do plan de xestión, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia está prevista para antes de que remate este ano 2024, establécense os usos e as actividades permisibles nos ámbitos turístico, investigador, educativo ou de aproveitamentos gandeiro e forestal. Ademais tamén incluirá as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies.
Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que este plan recolle como unha das medidas a desenvolver a compra dos predios nos que medra a Carballa da Rocha. A previsión é adquirir no futuro máis de 6.200 metros cadrados co obxectivo de garantir a súa correcta conservación ao converterse en patrimonio público.
A maiores, a representante autonómica indicou que este plan de xestión establece que se levarán a cabo un seguimento fitosanitario de todo o conxunto de árbores para conservar a súa saúde vexetal, un programa continuo de erradicación de especies alóxenas, a elaboración dun plan de acción da paisaxe para esta contorna e o desenvolvemento dun estudio sobre os posibles efectos do cambio climático sobre este espazo protexido.
Ademais, tamén comprende a creación de novo material divulgativo, a corrección de impactos paisaxísticos na contorna así como a posta en valor da romaría da Saínza, que é unha festa tradicional, declarada de interese turístico galego, moi vinculada a este monumento natural.
Espazo protexido
O nome de Carballa da Rocha fai referencia a un exemplar de carballo (Quercus robur) de notoria singularidade e beleza, o cal será obxecto dunha protección especial polo seu interese científico, histórico-cultural e paisaxístico. A árbore presenta un porte considerable, cun perímetro a unha altura estándar de 1,30 m de 6,90 m, bifurcándose aos 7 m de altura en dous eixes de grandes dimensións ata alcanzar unha altura de 33 m.
Cabe destacar tamén a importancia social e histórico-cultural da Carballa da Rocha pola súa proximidade á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración de importantes romarías e por ser protagonista de numerosas lendas e contos populares na zona.
A Carballa da Rocha é o quinto monumento natural da Comunidade que conta cun plan de xestión logo dos aprobados para a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta, a Fraga de Catasós e Pena Corneira.