A comunidade educativa de Panxón mobilízase para promover a doazón de sangue

Redacción

— Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desprazarase o mércores 20 de maio ata o CPI Arquitecto Palacios e o CEE de Panxón, dentro dunha campaña especial na que os escolares traballaron, nas xornadas previas, sobre os distintos tipos de doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desprazará o vindeiro mércores 20 de maio unha unidade móbil ata o CPI Arquitecto Palacios e o CEE de Panxón como parte dunha campaña especial de doazón na que, os escolares, traballaron na aula sobre os distintos tipos de doazón.

A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar no CPI Arquitecto Palacios e que contou coa presenza de Sabela Lareo Fernández, promotora da doazón de ADOS na bisbarra de Vigo; así como co alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez; director do CPI Arquitecto Palacios, Antonio García Márquez; a directora do CEE de Panxón, Marilú Bangueses; e dous alumnos do centro educativo que comentaron a súa experiencia nesta campaña na que os estudantes recibiron formación sobre a doazón de sangue e de órganos.

A ADOS leva a cabo unha intensa campaña educativa en centros de distintos niveis de ensinanza en toda Galicia, destinada a favorecer a sensibilidade dos máis novos e novas a prol da doazón, e que comprende, ademais doutras actividades, charlas educativas nas que o alumnado pode coñecer a importancia dos distintos xeitos de doazón para o sostemento do noso sistema público de saúde.

Unidade móbil

Ao longo da xornada do 20 de maio, os membros da comunidade educativa de Panxón están chamados a doar na unidade móbil da Axencia que estará estacionada dentro do recinto do CPI Arquitecto Palacios e do CEE de Panxón en horario das 10:00 ás 14:30 e das 16:00 ás 21:00 horas.

Esta é a cuarta edición desta campaña que comezou a desenvolverse no ano 2023 e que ten permitido acadar un total de 123 doazóns de sangue

Datos de participación

No pasado ano 2025, o concello pontevedrés de Nigrán acadou un total de 654 doazóns de sangre, o que supuxo unha taxa de 36 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, tres puntos por baixo da media galega. A Axencia agarda que con esta iniciativa e as vindeiras campañas de doazón que se desenvolverán ao longo do presente exercicio, Nigrán acade, en breve, o índice medio de participación autonómico.

INFORMACIÓN AOS MEDIOS
A Axencia quere amosar o seu agradecemento ás direccións do CPI Arquitecto Palacios e o CEE de Panxón pola súa implicación e apoio ás campañas de fomento da doazón, recoñecemento que fai extensivo ao Concello de Nigrán polas facilidades brindadas no desenvolvemento das visitas das unidades móbiles. Así mesmo, a ADOS convida a doar sangue a todos os veciños e veciñas de Panxón, lembrando que, para doar sangue, tan só é necesario ter máis de 18 anos, pesar más de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles

Comparte este artigo