- A Cidade da Cultura acolle do mércores ao venres esta cita da Xunta, que visitarán arredor de 10.000 alumnos de 181 centros e aberta ao público en xeral
- Ofreceranse máis de 70 iniciativas de innovación e emprendemento de centros de toda Galicia, así como obradoiros sobre creación de videoxogos ou impresión 3D
- A feira conta cunha exposición de robótica, demostracións de ciberseguridade e espazos para participar en experiencias inmersivas e de realidade virtual
- Arredor de 700 docentes e representantes de empresas afondarán na incidencia dos novos retos tecnolóxicos na FP na xornada técnica do congreso
A Formación Profesional galega amosa esta semana o seu potencial de investigación e innovación aplicada en FP Innova 2026. Un total de 38 centros de toda a xeografía galega expoñen nos 4.100m² da feira máis de 70 iniciativas, entre proxectos de innovación, de emprendemento e obradoiros. A cita da Xunta conta tamén cunha exposición de robótica, demostracións de ciberseguridade e espazos nos para participar en experiencias inmersivas e de realidade virtual.
O programa inclúe, asemade, o Congreso FP Innova, que se desenvolve o día 22 no Edificio Fontán coa participación de arredor de 700 persoas entre docentes e representantes do mundo empresarial. Trátase dun evento de referencia na innovación didáctica e tecnolóxica nestas ensinanzas, organizado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
FP Innova, que chega á súa oitava edición, celébrase entre o mércores 22 e o venres 24 de abril no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, e agárdase a visita de arredor de 10.000 alumnos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP de 181 centros de toda Galicia. Ademais, estará aberta ao público xeral de xeito gratuíto en horario de 10,00 h a 14,00 h e de 16,00 h a 19,00 h, os días 22 e 23, e a mañá do 24.
Tecnoloxías punteiras
Os 39 proxectos de innovación que se mostran en FP Innova 2026 son un exemplo de como a FP galega está a empregar as tecnoloxías máis punteiras para dar resposta aos retos actuais. Gran parte destas iniciativas poñen o foco na dixitalización, na intelixencia artificial, na ciberseguridade, nas tecnoloxías inmersivas, na automatización e na robótica para mellorar a sustentabilidade e a eficiencia nos distintos sectores produtivos.
No ámbito da loxística intelixente e a nutrición, destaca o proxecto VoaComida (CIFP Manuel Antonio, Vigo), que integra a elaboración de menús en envases biodegradables cun sistema de distribución mediante drons de última xeración, empregado a intelixencia artificial para a personalización dos menús e optimización de rutas. O obxectivo é garantir o acceso a unha alimentación saudable e sostible en eventos ao aire libre ou en zonas de difícil acceso, apoiando especialmente á poboación envellecida.
No sector da automoción, o IES de Vilalonga (Sanxenxo) deseñou ARDIA, un innovador arco de diagnose automatizado para vehículos. O sistema combina visión artificial de alta resolución, sensores de presión e micrófonos avanzados para detectar danos estruturais, mecánicos ou de pintura. Grazas ao uso de algoritmos de aprendizaxe automático e o recoñecemento automático de matrículas, o arco optimiza os tempos de estancia no taller, mellorando a eficiencia operativa baixo o paradigma da Industria 5.0.
A robótica colaborativa e a intelixencia artificial converxen no proxecto brAlnbot (CIFP Politécnico de Lugo), un sistema robotizado deseñado para a interacción avanzada en xogos de estratexia complexos como o xadrez. A proposta integra un brazo robótico cun motor de decisión e un sistema de visión artificial para o recoñecemento de obxectos e posicións. Trátase dun modelo onde a computación e a mecánica colaboran para resolver retos de estratexia mediante o procesamento de datos avanzado.
No que atinxe ao sector audiovisual, destaca SIAX–Sistema de Intelixencia Audiovisual Xunqueira, elaborado polo alumnado do CIFP A Xunqueira (Pontevedra). Trátase dun equipo autónomo deseñado para gravar e emitir en streaming procesos gastronómicos sen necesidade de supervisión técnica directa. O proxecto integra visión artificial e intelixencia artificial para recoñecer ingredientes e pesos en tempo real, facilitando a produción de contidos culinarios audiovisuais innovadores.
A sustentabilidade e a protección do medio ambiente son eixes centrais en proxectos como Sistema de biodetección de contaminación de augas, unha iniciativa dos estudantes do IES Plurilingüe de Valga que emprega bivalvos como bioindicadores. A través de sensores, visión artificial e intelixencia artificial, monitorízase a resposta biolóxica destes organismos para detectar de forma temperá episodios de contaminación e garantir a calidade ambiental.
Pola súa banda a iniciativa Planta de enerxía para a unidade móbil da Fundación Diego González Rivas (CIFP As Mercedes, Lugo), parte dunha clara vocación social para deseñar e desenvolver unha planta híbrida e transportable con fins médicos. Este sistema garante un subministro eléctrico continuo e autónomo mediante fontes renovables para quirófanos móbiles que operan en contornas remotas de África. O propio Diego González Rivas participará no congreso para expoñer esta experiencia.
Finalmente, no sector primario e a gastronomía, o CIFP Ferrolterra (Ferrol) presenta o proxecto AbeiroTec, para optimizar o uso dos recursos naturais. Propón un refuxio itinerante e autónomo para o manexo de gando en réxime extensivo, integrando sistemas de alimentación e vixilancia remota mediante tecnoloxía IoT (internet das cousas). A iniciativa non só mellora a eficiencia das explotacións, senón que contribúe á redución do risco de incendios forestais mediante o aproveitamento sostible do monte.
Emprendemento e obradoiros
No espazo de emprendemento poderanse ver un total de 19 iniciativas distintas entre proxectos desenvolvidos no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, e empresas nacidas ao abeiro dos viveiros dos centros educativos. Entre elas destaca Pas eólicas, unha segunda oportunidade no mar (CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo), que xurdiu dentro do programa InnovaTech FP 2025. Trátase dun plan de empresa consistente na reutilización de pas eólicas en desuso como flotadores para bateas, reducindo os residuos e o impacto ambiental e favorecendo a sustentabilidade do sector acuícola galego.
Pola súa banda, Outpick – Armario virtual intelixente (IES Chan do Monte, Marín), primeiro premio no concurso Eduemprende Idea 2025, busca desenvolver as competencias emprendedoras do alumnado tanto a nivel profesional como persoal. Consiste na creación dun armario virtual que permite organizar a roupa dixitalmente e crear combinacións de conxuntos de forma rápida e sinxela, facilitando a xestión do vestiario diario.
No que atinxe ás iniciativas nacidas na Rede Galega de Viveiros de Empresas, poderanse ver propostas como Os doces de Sandra (CIFP Carlos Oroza, Pontevedra) empresa dedicada á pastelería artesanal integrando receitas clásicas e actuais coa innovación da pastelería moderna, garantindo elaboracións coidadas e de calidade, ou AgroSpectral S.L., (CIFP As Mercedes, Lugo) centrada no uso de drons para mellorar a xestión dos cultivos mediante análise aérea e recollida de datos, optimizando a produtividade, reducindo custos e fomentando prácticas sostibles.
A formación profesional máis inclusiva terá o seu espazo na exposición da man de Florecendo, do Centro de Educación Especial Santa María (Lugo), miniempresa dedicada á preparación de kits de cultivo de planta de horta e ornamental con soportes en rodas de madeira e testos de madeira reciclada.
No que atinxe aos obradoiros, permitirán ao alumnado visitante experimentar en primeira persoa con tecnoloxías e técnicas como a creación de videoxogos, a biotecnoloxía, a impresión 3D, a robótica, a programación en linguaxe natural ou as artes gráficas.
Outras actividades
Ademais dos proxectos de innovación, emprendemento e os obradoiros, o evento contará cunha exposición de robótica, na que se poderá ver en funcionamento desde modelos humanoides e bípedos, ata dispositivos deseñados especificamente para o coidado e asistencia de persoas, poñendo a tecnoloxía ao servizo do benestar social.
Por outra banda, contarase con demostracións en vivo sobre ciberseguridade, nas que os asistentes poden participar en exhibicións prácticas centradas na protección da identidade e dos activos dixitais, adquirindo estratexias clave para moverse con seguridade na rede.
Ademais disto, contarase cun espazo dedicado a tecnoloxías inmersivas que permiten integrar ás persoas en procesos virtuais avanzados, amosando como a captura de datos e a modelaxe están transformando a interacción co mundo dixital.
Tamén no eido da realidade virtual, os visitantes poderán experimentar a liberdade de voar cun simulador inmersivo de corpo completo, que combina movemento físico e sensación de vento para ofrecer unha vivencia hiperrealista.
A orientación profesional tamén xogará un papel destacado grazas ao orientador profesional virtual OPI Orienta, que permitirá aos asistentes realizar consultas sobre as ensinanzas de formación profesional.
Toda a información para visitar a feira está dispoñible no Portal educativo. No anexo final poden consultarse os proxectos participantes.
Formación docente
No que atinxe ao congreso, nesta edición analizarase o avance da intelixencia artificial, as tecnoloxías inmersivas, a automatización e a robótica na sociedade actual. Farase fincapé, ademais, na formación do profesorado en ciberseguridade, traballando a adquisición de competencias transversais, a actualización metodolóxica, a prevención de incidentes nos centros educativos e a posibilidade de trasladar boas prácticas ao alumnado, favorecendo unha cultura de seguridade dixital sólida e sostible.
Entre os obxectivos da xornada están sensibilizar sobre os riscos e ameazas dixitais, proporcionar ferramentas prácticas para protexer a información e os dispositivos, e fomentar a inclusión de contidos de ciberseguridade nas distintas familias profesionais. Ademais, abordaranse as principais novidades no eido da investigación e a innovación aplicada na FP de cara ao próximo curso académico.
Como complemento ao congreso, o día 23 ofrecerase unha recepción a empresas na zona expositiva da feira para que coñezan de primeira man a calidade e a innovación das propostas elaboradas nos centros de FP galegos.
ANEXO. Centros participantes con proxectos de innovación, emprendemento e obradoiros
Listaxe de proxectos de innovación
| Concello | Centro educativo | Título |
| Pontevedra | CIFP Carlos Oroza | Cociñando Pontevedra, arte e vangarda no prato |
| Vilamarín | CIFP de Vilamarín | Revolucionando a hostalería e o turismo mediante un modelo de economía circular integrando a tecnoloxía de impresión 3D |
| Pontevedra | CIFP A Xunqueira | SIAX – Sistema de Intelixencia Audiovisual Xunqueira |
| Pontedeume | CIFP Fraga do Eume | Acuaponía Drink |
| Sanxenxo | IES de Vilalonga | O Parque Micolóxico: un espazo gastrodidáctico |
| Vigo | CIFP Manuel Antonio | IA MEL-IR: Control de calidade do mel mediante espectroscopia IR asistida por IA |
| Pontevedra | CIFP Montecelo | EcoGlow Area |
| Ourense | CIFP A Farixa | Dixitalización na valoración física con acelerómetros e intelixencia artificial |
| Vigo | CIFP Manuel Antonio | VoaComida: a innovación galega que achega alimentación saudable e sostible máis lonxe |
| Lugo | CIFP As Mercedes | Simulador de voo con panel de instrumentos e movemento real |
| Lugo | CIFP As Mercedes | Planta de enerxía para a unidade móbil da Fundación Diego González Rivas |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | Simulador VR de instalacións de refrixeración industrial con amoníaco |
| Ourense | CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel | VitaSim XR: Plataforma háptica XR para adestramento en urxencias médicas |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | AbeiroTec |
| Santiago de Compostela | CIFP Politécnico de Santiago | Diagnose avanzada do automóbil por termografía |
| Lugo | CIFP As Mercedes | Mobilidade de hidróxeno verde en FP |
| Viveiro | IES María Sarmiento | Metaverso e-Motion |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | HYBRID³: Adestrador didáctico de tracción híbrida e eléctrica |
| Santiago de Compostela | CIFP Compostela | Espazo virtual de adestramento didáctico dun espectrodensitómetro |
| Santiago de Compostela | IES Lamas de Abade | Deseño, elaboración e personalización de protectores bucais e dispositivos portátiles de desinfección |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | RumedSim: Simulador da central de esterilización |
| Ourense | CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel | ProMeTeo: Vixilancia e control do mosquito tigre en Galicia |
| Ourense | IES 12 de Outubro | Rituais tripla fusión Cosmética, Galénica e Gourmet |
| Monforte de Lemos | IES A Pinguela | Reutilización e valorización de residuos de cabelo para a extracción de biomateriais sostibles |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | Cestaría e moble: Unindo tracición e deseño |
| Pontevedra | CIFP A Xunqueira | EcoWood Charge |
| A Estrada | IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez | Natureza e Innovación: Taboleiros con alma sostible |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Estudo, deseño e construción dun kartcross eléctrico, ekart. |
| Arzúa | IES de Arzúa | Innovación tecnolóxica na extracción de resina en Galicia |
| Melide | IES de Melide | Patróns e modelos por corte láser e impresión 3D |
| Ortigueira | IES de Ortigueira | ORTISelfie |
| Sanxenxo | IES de Vilalonga | ARDIA FP – Arco de Diagnose Automatizado de Vehículos |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | Cerámicas técnicas mediante IMPRESIÓN 3D |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | Deseño, mecanizado e inxección dun molde con cámara quente e secuencial |
| Carballo | IES Monte Neme | PIN. Patrimonio intelixente: conservación e divulgación |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | SCOUT Mobile |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | brAInbot: Robot Colaborativo para Xogos de Estratexia con IA |
| Valga | IES Plurilingüe de Valga | Sistema de biodetección de contaminación de augas |
| Vigo | CIFP Audiovisual de Vigo | AEAG: Arquivo Educativo Audiovisual Galego |
Listaxe de proxectos de emprendemento
| Concello | Centro educativo | Título |
| Lugo | CIFP As Mercedes | Optipaster: Optimización de consumos de auga e enerxía na pasteurización de bebidas |
| Ourense | CIFP Carballeira – Marcos Valcárcel | EscoitaTECH: Mantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústica con intelixencia artificial |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Monitorización ambiental en zonas forestais |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | Rexuben |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | Pas eólicas, unha segunda oportunidade no mar |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | ECOAIRBAG: Solución de embalaxe sostible |
| Pontevedra | CIFP A Xunqueira | |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | Sistema automático de limpeza de reixas |
| Lugo | CEE Santa María | Florecendo |
| Pontevedra | CIFP Carlos Oroza | Os doces de Sandra |
| Vigo | CIFP Manuel Antonio | Pallet Van |
| Ourense | CIFP Portovello | NOS: Solucións sen fronteiras |
| Marín | IES Chan do Monte | Outpick: Armario virtual intelixente |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | Xeitos de sentir |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | ApiDerma Lab: Cosmética Sólida |
| Lugo | CIFP Politécnico de Lugo | Laboratorio de Xogos |
| As Pontes | CIFP Paseo das Pontes | Ainhoavigo.studio |
| Lugo | CIFP As Mercedes | AgroSpectral SL |
Obradoiros
| Concello | Centro educativo | Título |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Impresión 3D |
| Ourense | CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel | Vibe coding, programación en linguaxe natural |
| Ourense | CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel | Creación de videoxogos e realidade virtual |
| A Coruña/ Noia | CIFP Ánxel Casal – Monte Alto / IES Campo de San Alberto | Biolab: A ciencia nas túas mans |
| Santiago de Compostela | CIFP Politécnico de Santiago | Reacciona coa química… e presume de ciencia |
| A Coruña | CIFP Someso | Servizos estéticos de coidado persoal |
| Vilamarín | CIFP de Vilamarín | Elaboración de preparacións con chocolate |
| Foz | IES de Foz | Masas italianas |
| Pontevedra | CIFP Carlos Oroza | Snacks Fp: Bocados responsables |
| Lugo | IES Sanxillao | Da lata ao prato |
| Santiago de Compostela | CIFP Compostela | Coctelería Sensorial sen alcohol |
| Santiago de Compostela | IES Arcebispo Xelmírez I | DJ-aula |
| Ferrol | CIFP Leixa | Grafi-aula: estampaxe personalizada |
| A Coruña | CIFP Ánxel Casal – Monte Alto | O camiño da innovación |

