A FP Galega acada este curso as 115 aulas tecnolóxicas grazas a un investimento de 6,3 M€

adminON
Lectura mínima de 6
  • Román Rodríguez inaugura en Foz un dos 35 novos espazos de innovación aplicada de Formación Profesional que se estrean este curso na nosa Comunidade
  • Subliña que estes espazos “simulan contornas laborais reais” e reforzan “a conexión da FP coa realidade dos centros de traballo”

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe unha das 35 novas aulas tecnolóxicas que se poñen en marcha este curso, o que fai que Galicia acade xa as 115 repartidas. Trátase da Aula de Torrado de Café do IES de Foz, dotada cun investimento de 55.000 euros, unha mostra máis da aposta pola modernización e a actualización constante da Formación Profesional.

Coa ampliación realizada este curso pola Xunta, o desenvolvemento destes espazos supón un investimento global de 6,3 millóns de euros nos últimos catro anos e consolida unha infraestrutura innovadora orientada á excelencia e á empregabilidade.

O titular de Educación, que estivo acompañado na visita na Mariña pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, subliñou que estes espazos “amosan como a FP se adapta ás necesidades reais do mercado laboral e forma profesionais capaces de responder ás esixencias do sector”. Engadiu tamén que iniciativas como esta “permítenlle aos estudantes coñecer espazos que mostran a dinámica dos centros de traballo, mellorando así a súa cualificación e empregabilidade”.

Os espazos de tecnoloxía aplicada teñen como finalidade reproducir ambientes laborais mediante equipamento avanzado. Segundo a especialidade de cada centro, poden incluír impresoras 3D, sistemas de realidade inmersiva, virtual ou mixta, tecnoloxías holográficas, ferramentas de intelixencia artificial aplicada ou equipos informáticos de altas prestacións. Cada aula está concibida como un referente no seu ámbito, favorecendo a colaboración entre administracións, centros e empresas, e reforzando a conexión entre o proceso formativo e as necesidades reais do mercado laboral.

No caso concreto da nova Aula Tecnolóxica de Torrado de Café do Instituto de Foz, reprodúcese un tostadeiro profesional que permite ao alumnado coñecer de primeira man o proceso completo do café, desde o tratamento do gran verde ata a preparación final do produto. Para iso, está equipada con maquinaria específica como dispositivos de medición de humidade, densidade e tamaño do gran, un muíño especializado para as probas de cata e un torrador profesional con capacidade para ata dous quilos.

Novas aulas tecnolóxicas curso 2025/2026

Concello Centro Nome do proxecto
Arzúa IES de Arzúa Espazo tecnolóxico dixital: Lidar e Innovación Dixital na Aula (LIDAD)
Betanzos IES As Mariñas Laboratorio tecnolóxico de sistemas avanzados de axuda á condución e realidade aumentada e virtual
Burela IES Perdouro EvoLuCiÓn.ArTe
Burela IES Monte Castelo Aula tecnoloxía de investigación e innovación para laboratorio e prevención de riscos profesionais
Cangas IES María Soliño TecnoFit: Conectando o adestramento e a aprendizaxe dixital
Cedeira IES Punta Candieira Espazo DIXA 5.0
A Coruña CIFP Imaxe e Son AMA 5.0: Innovación en movemento
A Coruña IES Ramón Menéndez Pidal Tenda dixital 360
Culleredo CIFP Universidade Laboral Aula de Simulación Inmersiva para a Manobra de Buques e Aprendizaxe da Dirección: SIMBAD
Ferrol CIFP Leixa Espazo gráfico de innovación tecnolóxica: Realidade Virtual, aumentada, 3D e displays publicitarios
Ferrol CIFP Ferrolterra Espazo Tecnolóxico de Dixitalización e Produción en rede de Carpintería e Mobiliario.
Ferrol CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro Sala 360 de actividade física multidisciplinar
Lugo CIFP As Mercedes Retail Lab 4.0: Innovación e tecnoloxía para o comercio do futuro
Lugo CIFP Politécnico de Lugo LabTec 4.0: Espazo de Innovación en Dixitalización, Xestión Enerxética e Tecnoloxías IoT
Mondoñedo IES Plurilingüe San Rosendo Espazo produtivo de alta eficiencia enerxética
Monforte de Lemos IES A Pinguela Aula Tech Beauty
Muxía IES Ramón Caamaño Obradoiro de I+D+I innovAR , “A creatividade como nexo de unión na producción entre empresa e centros educativos
Noia IES Virxe do Mar Aula escenario AV Noia XXI
O Barco de Valdeorras IES Lauro Olmo Aula hibrido-virtual 2025
Ourense IES 12 de Outubro Laboratorio de impresión 3D. Ensaios de metroloxía avanzada na industria 4.0
Ourense IES Universidade Laboral Espazo de mantemento e industria 4.0
Ourense CIFP A Farixa Taller 5.0
Pontevedra CIFP Carlos Oroza OROZA lARPeLab
Pontevedra CIFP Montecelo Espazo de Tecnoloxía Aplicada ao Citodiagnóstico e dixitalación de imaxes citolóxicas e histolóxicas en Anatomía patolóxica
Pontevedra CIFP A Xunqueira Aula tecnolóxica de simulación industrial e prototipos electrónicos
Ribeira CIFP Coroso Aula Efitec I.A.
Santiago de Compostela CIFP Compostela HOTEL 4.0 Espazos Accesibles e Dixitais. Simulación Avanzada para Hotelería
Vigo CIFP Manuel Antonio Aula CAD/CAM de Téxtil
Vigo CIFP Audiovisual de Vigo Rede Educativa Audiovisual Galega (REAG)
Vigo IES Politécnico de Vigo ATD7-EeOC. Esapazo de tecnoloxíoa aplicadana FP á  edificación e obra civil
Vigo CIFP Valentín Paz Andrade Espazo de tecnoloxía aplicada en soldadura de última xeración
Vigo IES Ricardo Mella RadioTech 4.0
Vilagarcía de Arousa CIFP Fontecarmoa Aula do mantemento na industria 5.0 para alumnos de Mecatronica Industrial
Vilamarín CIFP de Vilamarín Aula Bioprocesos: Aula de procesos bióloxicos controlados para a industria alimentaria e a restauración
Viveiro IES María Sarmiento Garaxe I-ntelixente
Comparte este artigo