- Augas de Galicia é a única entidade española participante nunha iniciativa que conta coa participación de socios doutros sete países europeos coa finalidade de reforzar a capacidade de adaptación das cidades e concas fluviais a fenómenos meteorolóxicos adversos como as inundacións ou as secas
- Roi Fernández destaca o esforzo realizado nos últimos anos polo Executivo galego en materia de prevención e información á cidadanía, en actuacións no territorio para mitigar o impacto de episodios extremos e a recuperación ou actuación a posteriori
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, expuxo hoxe nos Países Baixos a estratexia galega para facer fronte aos asolagamentos e o plan para crear zonas de inundación controlada na comunidade co fin de minimizar o impacto dos episodios extremos de choiva.
Fíxoo na cidade de Nijmegen durante a segunda xornada do encontro de lanzamento do proxecto europeo Desenvolvemento dunha estratexia de resiliencia multinivel para zonas urbanas e concas hidrográficas ante condicións climáticas extremas (Resurexion). Esta iniciativa, con socios de oito países europeos e na que Augas de Galicia é o único socio español, ten como finalidade reforzar a capacidade de adaptación das cidades e das concas fluviais a fenómenos meteorolóxicos adversos como inundacións ou secas.
O representante do organismo hidráulico autonómico informou da estrutura e contidos do Plan de Xestión do Risco de Inundacións da Demarcación Galicia-Costa como instrumento de referencia para anticipar e actuar ante choivas abundantes. Esta planificación estrutúrase a través de tres eixos fundamentais: a prevención e a información á cidadanía, as actuacións no territorio para mitigar o impacto dos episodios extremos e a recuperación ou intervención despois das inundacións.
Roi Fernández destacou o esforzo realizado nos últimos anos por Galicia no eido da prevención e información para mellorar os sistemas de alerta temperá, o fortalecemento das redes de observación hidrometeorolóxica e o despregamento de campañas de divulgación e formación en colaboración cos concellos e os distintos servizos de emerxencias.
De feito, o Executivo galego licitou recentemente o contrato para contar con nova instrumentación de cara á recollida de datos da auga e os seus niveis e a mellora e optimización do sistema Merlin, utilizado para a predición do risco de inundacións na demarcación hidrográfica Galicia-Costa e desenvolvido grazas á colaboración entre Augas de Galicia e MeteoGalicia.
En canto ás actuacións para minimizar o impacto das choivas abundantes, o director de Augas de Galicia compartiu co resto de socios europeos as obras ordinarias que realiza a Xunta para facer fronte aos desbordamentos así como a aposta pioneira en España pola creación de zonas de inundación controlada en contornas urbanas, espazos deseñados para reter a auga durante episodios de precipitacións intensas, reducindo así o impacto e os danos nas zonas máis expostas.
Nesta liña, xa está en marcha a licitación do contrato para redactar con axilidade eses proxectos de redución de risco de inundación mediante o deseño de áreas de asolagamento controlado. Estas medidas sumaranse ás intervencións habituais de restauración fluvial, eliminación de barreiras artificiais, recuperación de canles naturais e actuacións para a mellora da conexión hidrolóxica que realiza o Executivo galego.
En canto ao terceiro eixo, o da recuperación das áreas afectadas por asolagamentos, Roi Fernández destacou que integra traballos para garantir a volta á normalidade tras unha inundación -tanto desde o punto de vista ambiental como desde o social- recorrendo a mecanismos de avaliación de danos, restauración ecolóxica nas zonas máis afectadas e apoio técnico aos concellos para desenvolver accións na súa área de influencia.
Acción
O proxecto europeo Resurexion é unha iniciativa estratéxica financiada polo programa Interreg Europe no que participan socios de oito países europeos: España -con Augas de Galicia como única entidade española participante-, Países Baixos, Portugal, Bélxica, Finlandia, Dinamarca, Moldavia e Austria.
Entre onte e hoxe celebrouse o lanzamento desta acción, organizado polo socio líder -o Ministerio de Infraestruturas e Xestión da Auga dos Países Baixos- entre as cidades de Arnhem e Nijmegen co fin de definir a metodoloxía, coordinar os grupos de traballo e establecer os mecanismos de seguimento dos resultados.
O proxecto, cunha duración de catro anos (2025-2029) e un orzamento total de 2,4 millóns de euros, conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Deses fondos, a Augas de Galicia correspóndenlle preto de 220.000 euros. Un orzamento, destacou o director do organismo hidráulico autonómico, que contribuirá ao intercambio de coñecementos neste eido entre os socios para avanzar na planificación hidrolóxica e na adopción de medidas fronte ao cambio climático.