A FP galega amosa o seu potencial na Mobilidade Sostible no terceiro Congreso Anual sobre este ámbito

Redacción
  • A directora xeral de FP participa neste encontro, que reúne en Sanxenxo a máis de 600 docentes, alumnos e empresas
  • Destaca o impulso que o novo Plan Innova FP Galicia vai dar á formación e investigación relacionada co sector
  • Salienta o traballo de estudantes e profesores no circuíto de monoprazas eléctricos E-Motion FP, que celebra hoxe en Sanxenxo unha nova carreira

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na inauguración do III Congreso de Mobilidade Sostible nos Medios de Transporte, un encontro no que a FP galega amosa todo o seu potencial neste ámbito. O evento, que reúne en Sanxenxo a máis de 600 persoas entre profesorado, alumnado e representantes de empresas, combina formación técnica, innovación educativa e contacto directo coa industria da automoción e da mobilidade sostible.

Deste xeito, a cita funciona como un espazo de encontro e intercambio de coñecemento para o presente e o futuro do sector, un espazo idóneo para abordar os principais retos e avances relacionados coa a electrificación e a condución autónoma.

Tal e como sinalou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, “estes desafíos trabállanse a diario nos centros de FP, especialmente nos que imparten ciclos das familias profesionais de Transporte e Mantemento de Vehículos e de Fabricación Mecánica, a través dos proxectos de innovación que impulsamos desde a  Xunta”. “En definitiva, o talento que se precisa para atender un sector en transformación coma este está a formarse na FP”.

Neste sentido, destacou o pulo que o novo Plan Innova FP Galicia 26-30 vai dar “á innovación e investigación aplicada nestas ensinanzas e, como consecuencia, ao avance deste sector produtivo, grazas á intensa colaboración que a FP ten co tecido empresarial galego”.

A directora xeral salientou, así mesmo, o gran traballo que están a facer estudantes e docentes na aplicación dos coñecementos prácticos técnicos a través do circuíto de carreiras Barreiros E-Motion FP, no que alumnos e docentes de FP deseñan en fabrican monoprazas eléctricos, aplicando competencias vinculadas á automoción, electrónica, mecatrónica, robótica ou fabricación mecánica.

Precisamente co gallo do congreso, Sanxenxo acolle hoxe unha nova competición no marco deste certame, centrada nesta ocasión no sprint de eficiencia enerxética. Participan na carreira equipos dos institutos Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez), María Sarmiento (Viveiro), O Ribeiro (Ribadavia), Antón Losada Diéguez (A Estrada) e Vilalonga (Sanxenxo) e dos centros integrados de FP A Xunqueira e Montecelo, ambos de Pontevedra.

Programa

O programa do congreso, que remata mañá, inclúe actividades específicas para o profesorado e para o alumnado que abranguen desde relatorios especializados en vehículos eléctricos e empregabilidade ata demostracións de proxectos de automoción desenvolvidos en centros galegos de FP.

A maiores, celébranse actividades paralelas como exposicións de vehículos innovadores, de emerxencias e institucionais ou unha mostra de ferramentas e tecnoloxía para talleres.

Comparte este artigo