HomeXunta de GaliciaA Fundación Andrea colabora coa Xunta na humanización da sala de espera...

A Fundación Andrea colabora coa Xunta na humanización da sala de espera para persoas menores no edificio xudicial de Santiago

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe tamén as novas instalacións da oficina de asistencia ás vítimas de delitos
  • Ambos espazos enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar contornas xudiciais amables e adaptadas ás necesidades da cidadanía

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, e a decana dos xulgados de Santiago de Compostela, Sandra María Iglesias Barral, visitou hoxe no edificio xudicial de Santiago de Compostela a sala de espera para persoas menores na que colaborou a Fundación Andrea, á que a Xunta agradece a dotación. O obxectivo de iniciativas coma estas é crear espazos seguros e amables, con rotulación e circuítos personalizados e achegar información e recursos específicos en forma de contos adaptados á idade e ás características das vítimas.

Na visita de hoxe, á que tamén acudiron representantes da Fundación Anxiños e a Asociación Mirabal, coñecéronse ademais as novas instalacións da oficina de asistencia ás vítimas que se estrean estes días e ás que a Xunta destinou case 5.000 euros. Conta con salas de espera separadas para vítimas e agresores, así como dun circuíto pechado de acceso para os agresores que evita que se crucen coa vítima. Tanto esta oficina como a sala de espera para persoas menores nos xulgados de Santiago enmárcanse na aposta da Xunta pola humanización e o impulso dunha xustiza empática e próxima á cidadanía.

Cómpre destacar que as salas de agarda das vítimas e os despachos dos equipos das persoas profesionais que as asisten teñen que ser acondicionadas e ampliadas co obxectivo de adaptarse ás novas competencias asumidas polos Xulgados de Violencia sobre a Muller, que desde o pasado 3 de outubro se encargan dos delitos de violencia sexual, segundo a Lei estatal de eficiencia do servizo público de xustiza. Ademais, no marco desta norma, a Xunta está a avanzar na implantación da fase III nos xulgados das sete cidades galegas, unha vez rematada a fase I o pasado 1 de xullo nos restantes 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia. Deste xeito, o Goberno galego traballa na organización do persoal e na adaptación das sedes e dos sistemas tecnolóxicos ao novo modelo organizativo da oficina xudicial nos tribunais de instancia, o que implica ademais a creación de seccións como as de Violencia contra a Infancia e a Adolescencia coas súas correspondentes prazas de maxistrados.

Por outra parte, ademais de ofrecer ás vítimas contornas xudiciais amables e adaptadas ás súas necesidades, a Xunta tamén promove a utilización das novas tecnoloxías. Deste xeito, habilitouse a oficina virtual de asistencia á vítima, dispoñible na https://www.xustiza.gal/atencion-vitima-cidadania/citaprevia mediante a cal se pode solicitar e recibir a asistencia psicolóxica e social urxente e ordinaria de xeito telemático e dende calquera lugar no que se atope a vítima.

Publicacións Relacionadas