A Illa de Ons acolle o seu primeiro campo de voluntariado ambiental desde fai máis de dúas décadas

Redacción
  • Baixo a supervisión de persoal técnico do Parque Nacional, 15 mozas e mozos estiveron na illa 12 días de xuño realizando traballos de restauración de hábitats, control de invasoras e recuperación de elementos etnográficos, entre outros
  • Tamén se organizaron actividades complementarias, como rutas interpretativas e visitas, para que os voluntarios entenderan a complexa xestión dun espazo protexido
  • Durante os meses de xullo e agosto, as Cíes recibirán a un total de 75 rapaces no marco das cinco quendas do campo de voluntariado que se organiza cada verán neste arquipélago coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude

A illa de Ons acolleu este verán o primeiro campo de voluntariado que organiza a Xunta neste arquipélago desde fai 21 anos. Concretamente, un grupo de 15 mozas e mozos, de entre 18 e 30 anos de idade, estiveron realizando diferentes tarefas e traballos na illa entre o 15 e o 26 de xuño, un período durante o que estiveron baixo a supervisión de persoal técnico ao servizo do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Todas as actuacións nas que participaron os voluntarios durante a súa estadía no arquipélago teñen como denominador común que están deseñados para responder ás necesidades de xestión do propio espazo protexido. Neste sentido, entre os traballos acometidos cómpre destacar diferentes labores de conservación e mellora ambiental que incluíron a restauración de hábitats propios, o control de especies exóticas invasoras, a recuperación de elementos etnográficos ou a protección da biodiversidade.

En concreto, a rapazada participante realizou labores intensivos de limpeza vexetal e acondicionamento da contorna no antigo lavadoiro dos Tritóns e no lavadoiro da Lagoa dos Anfibios; eliminou diferentes especies de flora invasora —Helichrysum petiolare, Crocosmia × crocosmiiflora e Canna indica—; limpou praias de residuos tanto de orixe mariña como terrestre, e participou nos labores de limpeza integral e de recuperación do antigo manancial da área de Caniveliñas, unha das intervencións máis complexas ante a imposibilidade de poder acceder á zona con maquinaria.

A maiores, tamén se organizaron actividades complementarias, como rutas interpretativas, observación da paisaxe e visitas ao Castelo dos Mouros, á Cova da Loba, ás salgaduras romanas e a outros elementos patrimoniais.

Todas estas actuacións non só tiveron un impacto ambiental positivo na contorna, senón que proporcionaron tamén ás persoas voluntarias participantes unha experiencia práctica directa en xestión da natureza nun dos ecosistemas máis emblemáticos e cunha maior riqueza ambiental da Comunidade.

De feito e máis aló dos resultados materiais, os traballos executados no marco deste campo de voluntariado permitiron que os participantes comprendesen de primeira man a complexidade que conleva a xestión ambiental dun espazo protexido.

Con tal fin, a presenza e a estreita colaboración do persoal técnico do parque garantiu que cada acción respondese ás prioridades reais de conservación da illa, consolidando esta iniciativa como unha experiencia formativa de alto valor e un recurso operativo eficaz para a preservación do patrimonio natural e cultural de Ons.

Cinco quendas este verán en Cíes

Ademais da actividade organizada en xuño de forma piloto en Ons, cómpre subliñar tamén que durante os meses de xullo e agosto, as illas Cíes recibirán a un total de 75 rapaces no marco dos campos de voluntariado que organiza cada ano a Dirección Xeral de Xuventude en diferentes emprazamentos de Galicia.

Divididos en cinco quendas con 15 participantes cada unha e con estadías de entre 10 e 12 días na illa, os primeiros voluntarios chegaron a Cíes o 1 de xullo e xa colaboran co persoal do Parque Nacional en diferentes tipos de tarefas de conservación e mellora medioambiental. Durante os dous meses de duración deste campo de voluntariado, os participantes aloxaranse nas instalacións habilitadas pola Xunta na propia illa.

Comparte este artigo