― En concreto, asumíronse as doazóns de dous pulmóns, un fígado, seis riles e as ditas dúas córneas
― Nesta área sanitaria foron detectados tres doadores reais, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón deses órganos
― Durante a presentación hoxe deste balance espúxose o protocolo de doazón tras unha morte circulatoria, máis coñecida coma doazón en asistolia controlada
― Ao longo dos vindeiros meses o doutor Ignacio Cenoz Osinaga asumirá a coordinación da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria
A Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou durante o recén rematado ano 2024 a doazón dun total de nove órganos e dúas córneas rexistrados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Segundo indicou hoxe na presentación destes datos no hospital Montecelo o coordinador deste departamento, o doutor José Luís Martínez Melgar -quen estivo acompañado polo xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias e polo vindeiro coordinador desta unidade, o doutor Ignacio Cenoz Osinaga- na nosa Área Sanitaria foron detectados durante o ano pasado tres doadores reais, dun total de cinco doadores potenciais en morte cerebral, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón destes órganos e tecidos.
No que atinxe á recepción clínica destas doazóns multiorgánicas, o pasado ano 2024 a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria xestionou, en concreto, as doazóns de dous pulmóns, un fígado, seis riles e as ditas dúas córneas.
O balance do pasado e 2024 revelou, así mesmo, que se deu unha única negativa familiare á doazón de órganos e ninguha contraindicación médica por causas clínicas e metabólicas. Neste sentido, o doutor Martínez Melgar sinalou que arredor do 90% dos doantes da área sanitaria pontevedresa son maiores de 75 anos, e que, no caso concreto das cifras do ano pasado, ningún puido selo de órganos torácicos.
Protocolo en asistolia controlada
Así mesmo, durante a presentación hoxe do balance de 2024 da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés espúxose o protocolo de doazón tras unha morte circulatoria, máis coñecida coma doazón en asistolia controlada. O devandito protocolo xestiona desde febreiro do pasado ano 2024 nesta área de saúde as doazóns de órganos provenintes de pacientes con dano cerebral catastrófico, enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou respiratorias en fase terminal.
A este respeito, o doutor Jose Luís Martínez Melgar subliñou que “este protocolo facilita a xestión das nosas doazóns en asistolia no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, iniciativa integrada na planificación dos coidados integrais ao final da vida dos pacientes na Unidade de Coidados Críticos do CHUP. O noso equipo profesional asegura con dito protocolo a transparencia, a información e a confidencialidade neste proceso”.
O doutor Cenoz Osinaga, novo coordinador da Oficina
Ao longo da presentación do balance de 2024 de transplantes da Área Sanitaria, o doutor Martínez Melgar confirmou que ao longo dos vindeiros meses cederá ao doutor Ignacio Cenoz Osinaga a coordinación do equipo multidisciplinar profesional da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, formado por máis de vinte especialistas do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés.
Dito equipo o compoñen tres facultativos e dous profesionais de Enfermaría, así coma persoal auxiliar, celadores e efectivos das áreas de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía, así coma persoal facultativo e de enfermaría da Unidade de Coidados Intensivos, coma unidade xeradora dos potenciais doadores.
Detección de posibles casos
Esta Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é tamén o departamento encargado de detectar aqueles posibles casos de pacientes cuxa evolución clínica é susceptible de derivar nunha morte cerebral, circunstancia que os postularía como candidatos a efectuar unha doazón. Tamén aqueles pacientes sobre os que se decide limitar as medidas de tratamento de soporte vital e son potenciais doantes.
Tras a realización dun estudo axeitado, caso por caso, a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria actúa coma enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos necesarios para coordinar a todos e cada un dos servizos do hospital que interveñen no proceso de extracción.