_As actuacións, cun orzamento de máis de 700.000 euros, ocuparanse da substitución das fachadas existentes e montaxe dunhas novas no edificio de oficinas, así como actuacións en zonas exteriores de uso deportivo
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia vén de publicar no día de hoxe a licitación das obras de reforma no Complexo náutico e campo de regatas de Verducido – David Cal en Pontillón de Castro (Pontevedra).
O Complexo náutico componse de dous edificios -oficinas e ximnasio- e zonas exteriores de uso deportivo. As actuacións, que terán un orzamento base de licitación de máis de 700.000 euros (704.336,54 euros), ocuparanse da substitución das fachadas existentes e montaxe dunhas novas no edificio de oficinas, así como actuacións en zonas exteriores de uso deportivo, coa montaxe dunha nova tarima e novas pasarelas de acceso aos pantaláns. A data estimada de inicio da obra será en outubro de 2025 e o prazo de execución do contrato será de cinco meses.
Inaugurado en 2007, Verducido é un dos dous satélites do Centro Galego de Tecnificación Deportiva xunto co Centro Galego de Vela de Vilagarcia de Arousa, ademais dos 13 Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado cos que conta a Xunta de Galicia. A instalación é de titularidade autonómica e xestionada pola Federación Galega de Piragüismo que recibe, a través do convenio de colaboración, unha asignación anual para a xestión chegando aos 140.000 euros neste 2025. Ademais, con estes 700.000 euros, o investimento da Xunta de Galicia en Verducido en obras e equipamento ascende aos 2,2 millóns de euros dende 2012. Cómpre salientar que a federación de piragüismo é a que maior investimento recibe da Xunta con 16 millóns de euros desde 2009 e a que conta con maior número de deportistas galegos de alto nivel, ata os 236 actuais.