- Estes galardóns recoñecen o liderado no desenvolvemento e a creación de experiencias únicas para os viaxeiros
- A Ruta dos Faros que discorre nos meses de xuño a setembro esgotou practicamente todas as súas prazas
O produto dos Trens Turísticos que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) vén de ser galardoado, concretamente coa súa proposta da Ruta dos Faros, co premio ‘Tourism-Friendly’ na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).
Os Premios UIC TopRail de Turismo distinguen aos mellores destinos turísticos en 2025, recoñecendo o liderado no desenvolvemento e creación de experiencias únicas para os viaxeiros e destacando o papel do tren como medio de transporte sostible e inclusivo.
Para Turismo de Galicia, este é un recoñecemento que pon en valor unha iniciativa turística consolidada e que cada ano segue a espertar o interese dos visitantes que poden percorrer Galicia en tren coñecendo os seus principais recursos turísticos en canto a cultura vitivinícola, paisaxe, patrimonio e historia. Este 2025 foron 13 rutas dos Trens Turísticos nas que se ofertaron 2.530 prazas.
O Roteiro dos Faros, que alcanzou un nivel de ocupación practicamente do 100%, percorre o norte de Galicia e visita Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poden coñecer Viveiro e os cantís de Loiba. Este itinerario do Roteiro dos Faros desenvólvese nos meses de xuño a setembro.
En 2025, o programa de Trens Turísticos de Turismo de Galicia alcanzou se un 92,15% de ocupación nas prazas á venda. As rutas nas que practicamente esgotaron a totalidade das prazas foron as dos Queixos, Ribeira Sacra-Miño, Rías Baixas, Ribeira Sacra-Sil e Faros.