- No acto participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que agradeceu “o compromiso co galego das entidades que promoven accións como estes galardóns”
- Ademais, felicitou aos premiados polo seu traballo no impulso do idioma no ámbito das administracións públicas
A Xunta volveu apoiar unha nova edición dos Premios Lois Peña Novo, galardóns que van pola súa vixésimo novena edición e que son concedidos anualmente pola fundación homónima co obxectivo de recoñecer o labor de persoas, entidades e empresas que traballan a prol da lingua galega no ámbito das administracións públicas.
Así, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que participou na entrega das distincións no castelo de Soutomaior, agradeceu o “compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura de entidades que como esta promoven e consolidan accións que son todo un referente como estes recoñecementos” á vez que felicitou aos premiados “por ter presente o galego e poñelo en valor, sendo exemplo de como se pode traballar polo seu uso e prestixio”.
Neste marco, tamén lembrou que o ámbito da Administración pública é un dos bloques temáticos nos que se incide no Pacto polo Lingua, co deseño de medidas específicas enfocadas neste sector como son cursos de linguaxe de especialidade para o seu persoal.
Os elixidos este ano polo xurado son a Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo; Esther Estévez, xornalista da TVG, e Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao.