- O itinerario discorre por distintas vilas, edificacións e localizacións de Galicia, norte de Portugal e Castela e León de recoñecido valor histórico e xacobeo
- O director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño do Plan Xacobeo participou na presentación da iniciativa
O director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou hoxe na presentación da Ruta Quetzal 2026. A expedición organízase este ano baixo a clave ‘Tras das pegadas de Urraca a Temeraria, 900 anos do Reino de Galicia’.
Durante a súa intervención, o director da SA de Xestión do Plan Xacobeo destacou a importancia de “promover o coñecemento histórico e de difundir o legado xacobeo entre a xente máis nova, de tal modo que se consolide a visión de Galicia como destino con múltiples cualidades que aportar”.
Durante o evento, que se desenvolveu na estación marítima de Mar de Santiago, en Vilanova de Arousa, afondouse no itinerario deste ano, no que está previsto que participen 200 estudantes. A través de 14 etapas, percorrerán unha vintena de localidades de Galicia, Castela e León e o norte de Portugal que foron claves na configuración do antigo Reino e na propia vida da raíña Urraca, a primeira muller raíña de pleno dereito de Europa.
Así, a expedición pasará polas localidades de Vilanova de Arousa, Valga, Pontecesures, Catoira, Braga, Tui, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Mondariz, Castrelo de Miño, Celanova, O Pereiro de Aguiar, Monforte de Lemos, Samos, León, Astorga, Lugo, Monterroso, Boqueixón e Santiago de Compostela.
Deste modo, partirase o domingo 28 de xuño de Vilanova de Arousa, localidade arredor da que se centrarán as tres primeiras xornadas, visitando outras vilas próximas e realizando actividades como o descenso en kaiaks polo río Ulla ata Catoira.
Na cuarta etapa visitarase Portugal, afondando na historia ligada ao Reino de Galicia das localidades do norte, como Braga ou a Quinta de Pedroso, onde se librou a batalla na que se anexionaría o Condado de Portugal a Galicia. De aí volverase a Tui para percorrer diversas localidades e edificacións do sur da provincia de Pontevedra, Ourense e sur de Lugo a través das que afondar na historia e figuras da zona.
Entre a oitava e a undécima xornada, do 5 ao 8 de xullo, a Ruta Quetzal ábrese a Castela e León, visitando a propia cidade de León e Astorga, localidade na que conflúen o Camiño Mozárabe-Vía da Prata e o Camiño Francés e onde se abundará no legado xacobeo coa visita ao Museo dos Camiños. A partir do 8 de xullo, a expedición volve a Galicia visitando Lugo e seguindo parte do Camiño de Inverno para chegar a Santiago de Compostela na penúltima xornada. No remate, as persoas participantes volverán a Vilanova de Arousa.

