A U.D. Mos celebra o seu 50º aniversario cunha histórica xornada de homenaxe ás persoas que construíron medio século de fútbol e compromiso en Mos

Redacción

A Unión Deportiva Mos escribiu este sábado unha das páxinas máis emotivas da súa historia coa celebración do seu 50º aniversario no Campo Municipal das Baloutas. Centos de persoas participaron nunha xornada de reencontros, lembranzas e recoñecementos que serviu para render homenaxe ás xeracións que, desde 1976, converteron o club nun referente deportivo e social do municipio.

A celebración puxo en valor medio século de compromiso cun proxecto que naceu en 1976, un club que hoxe representa a centos de familias e que segue sendo un dos grandes referentes do fútbol base galego. O acto institucional reuniu á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; ao vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias; ao delegado federativo en Vigo, Borja Arca; ao conselleiro delegado do Real Club Celta, Sergio Álvarez e á xogadora de As Celtas Ana Toubes, ao xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, así como a representantes do deporte, do tecido asociativo e da sociedade mosense.

Un dos momentos máis conmovedores da mañá foi a homenaxe ás persoas que xa non están, pero que co seu esforzo desinteresado fixeron posible o nacemento e a consolidación da entidade. Durante o acto lembráronse as figuras de Antonio Sío, Francisco Méndez, Rafael Orge, Modesto Orge, Manuel Caseiro, Jaime Leirós, Severino Bacelo, Jesús Sío, Aquilino, Celso Sío, Olegario Rodríguez Pérez (presidente de honra), Alfonso Rodríguez e Gonzalo Iglesias. Os seus nomes quedaron unidos para sempre á historia dun club que medrou grazas ao traballo silencioso de tantas persoas voluntarias que dedicaron tempo, ilusión e esforzo a construír un proxecto para as seguintes xeracións.

Tamén houbo un momento de entrega de agasallos conmemorativos a expresidentes da entidade como J. Antonio Blanco (recolleuno o seu neto Eduardo Alonso), Francisco Méndez (recolleron a súa viúva Laura Senlle e o seu neto Rafa Lago), Jaime Leirós (recolleu o seu sobriño-neto Izan Chamorro), Pedro Lago (a súa neta Noelia Conde), José Ricón (recolleu Alberto Barreiro Ricón), Eugenio González “Nuco”, José Areal, e o actual presidente Pablo Alonso.

Na súa intervención, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor o significado da efeméride e o papel que desempeña a entidade na vida do municipio.

“A Unión Deportiva Mos é unha das mellores expresións do que somos como concello. Este club non pertence só ao seu pasado; pertence tamén ao futuro de Mos, porque continúa educando en valores, creando comunidade e facendo que xeracións enteiras medren orgullosas de levar este escudo”.

Arévalo destacou tamén a importancia da colaboración entre a U.D. Mos e o Real Club Celta, unha alianza que permitiu dar un paso histórico para o fútbol feminino galego.

“Poucos clubs poden dicir que contribuíron directamente a escribir unha nova páxina na historia do fútbol galego. A U.D. Mos fíxoo. Grazas ao traballo desenvolvido durante anos e á colaboración co Real Club Celta, Mos converteuse na orixe de As Celtas. É un orgullo para este concello saber que un proxecto nacido aquí serviu de base para facer realidade unha reivindicación histórica do celtismo”.

Durante o acto púxose de manifesto a evolución experimentada pola entidade desde a súa chegada ao Campo Municipal das Baloutas en 1979 ata converterse nun dos clubs máis sólidos da provincia. Na actualidade, a U.D. Mos conta con 374 licenzas federativas, das que 95 corresponden a xogadoras, e compite con vinte equipos nas distintas categorías do fútbol galego, consolidándose como un referente tanto na formación deportiva como na educación en valores.

O presidente da entidade, Pablo Alonso, agradeceu o traballo de todas as persoas que fixeron posible estes cincuenta anos de historia e reivindicou o espírito de compromiso que sempre caracterizou ao club, mentres que os asistentes participaron posteriormente nun xantar popular, na actuación do humorista Oswaldo Digón e nunha tarde festiva con música, inchables e actividades para toda a familia.

Antes do xantar, ao que asistiron unas 250 personas, o acto continuou cun monólogo de Oswaldo Digón. Xa trala comido a xornada seguiu con animación infantil e as actuacións de Sonara Music e Antonio Varela Radio 8.

A celebración do 50º aniversario converteuse así nun recoñecemento colectivo ás persoas que fixeron grande á Unión Deportiva Mos desde a súa fundación e nunha mirada ilusionante cara ao futuro, xa que o club continúa demostrando que o seu maior patrimonio non son só os éxitos deportivos, senón a capacidade de unir xeracións arredor duns valores que seguen tan vivos como no primeiro día.

Comparte este artigo