Turismo de Galicia participa en Barcelos neste encontro na procura de sinerxías na Eurorrexión para afrontar os retos turísticos do futuro e o Xacobeo 2027
Turismo de Galicia está a participar este mércores no congreso internacional transfronteirizo ‘O Camiño que nos une’ que se celebra na localidade lusa de Barcelos, no marco do programa POCTEP ClusterTur, para a creación do primeiro Clúster Transfronteirizo de Turismo Galicia-Norte de Portugal. Xunto a Turismo de Galicia, son beneficiarios deste proxecto a AECT-Galicia Norte de Portugal e Turismo do Porto e Norte de Portugal.
O modelo de xestión que está a facer a Xunta de Galicia ao redor do Camiño de Santiago, que está a chamar a atención doutros espazos culturais en Europa e outros continentes, é un dos aspectos abordados neste Congreso. Corea, Arxentina, Xapón, Andalucía, Ucrania, México e Jordania son algunhas rexións ou países que solicitaron asesoramento e transmisión de coñecemento na xestión dos seus itinerarios culturais e ou relixiosos.
Nesta xestión ten un papel importante a planificación que Turismo de Galicia está a desenvolver -que supón un investimento de 140M€- con vistas ao próximo ano xacobeo 2027. Neste plan, a sustentabilidade ambiental, social e económica do Camiño son eixos pero tamén o mantemento e protección dos roteiros, e por suposto, a promoción internacional, a investigación das peregrinacións e a xestión da maior rede pública de peregrinos de todas as rexións europeas.
A participación de Turismo de Galicia nesta cita no país luso enmárcase no proxecto europeo ClusterTur, que suporá a creación dunha estrutura de traballo en rede na que as empresas da Eurorrexión poidan coñecerse e xerar accións de comercialización conxuntas en diferentes mercados nacionais e internacionais. Neste marco, o traballo de Turismo de Galicia centrarase na coordinación e posta en marcha de accións de coñecemento empresarial e implementación dunha estratexia conxunta de internacionalización, que permita seguir incrementando o interese do mercado internacional polo destino Galicia, cifrado na actualidade no 30% da demanda turística.
Ademais, neste proxecto transfronteirizo o Camiño de Santiago terá un papel fundamental ao actuar como vertebrador de dúas rexións europeas de gran dinamismo como son Galicia e o Norte de Portugal, reforzando ao mesmo tempo esta eurorrexión para que poida afrontar os retos da actividade turística do futuro e tamén o vindeiro Xacobeo 2027.
Cabe salientar que Portugal é o principal mercado emisor para Galicia, tal e como confirman os datos. Así, en 2023, rexistráronse máis de 624.000 noites procedentes do país veciño, o que supón o 20% do total internacional. Ademais, o país luso é o 3º país estranxeiro do que proceden máis peregrinos e o Camiño Portugués e o Portugués da Costa son o segundo e o terceiro máis percorridos.
Tres proxectos transfronteirizos
ClusterTur é un dos tres proxectos do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) no que participa este ano Turismo de Galicia para reforzar sinerxías con Portugal. Mobiliza preto de 700.000 euros, dos cales case 520.000 son a través de convocatorias de fondos europeos.
Ademais de participar neste POCTEP, tamén está presente no proxecto Visit Minho Plus e en Turislab, a aceleradora de empresas turísticas que este ano incorpora a socios lusos. Estase a avanzar na incorporación do proxecto Gerês-Xures máis sustentable.