- O programa, dirixido a alumnado de ESO e de Ciclos Formativos de Grao Básico, é unha das 74 accións do Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030
- O obxectivo é achegar a rapazada aos valores do comercio local, poñendo de manifesto aspectos como a calidade do produto, o trato personalizado ou a contribución á riqueza e emprego das súas contornas
- Os centros educativos interesados poden inscribirse ata o 17 de outubro para participar no proxecto, que arrinca cunha fase inicial na aula centrada no deseño de propostas de dinamización dun comercio
- Os proxectos seleccionados accederán á segunda fase, que terá lugar nas zonas comerciais e prazas de abastos das sete cidades galegas en formato de xincanas entre os meses de abril e maio de 2026
A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de inscrición para participar na segunda edición da iniciativa Localízate! no teu comercio local, unha das 74 accións recollidas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. O programa está dirixido a alumnado de ESO e de Ciclos Formativos de Grao Básico das sete cidades galegas onde se desenvolverá: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.
Tras o éxito da experiencia piloto no pasado curso, prevese que nesta nova edición participen arredor de 1.000 estudantes. A proposta combina traballo na aula e actividade práctica na rúa co obxectivo de achegar a mocidade ao comercio de proximidade e de poñer en valor aspectos como a calidade do produto local, a atención personalizada ou a súa contribución á riqueza e ao emprego na contorna.
Conectando a mocidade co comercio local
O proxecto, en formato concurso, estrutúrase en dúas fases complementarias. Na primeira, Localízate! na aula, o alumnado traballará en equipos seguindo unha guía didáctica para seleccionar un comercio da súa zona e deseñar propostas que lle permitan conectar coa mocidade. O profesorado contará cunha formación en liña previa, ademais dos materiais necesarios para orientar ao alumnado.
Posteriormente, un xurado será o encargado de valorar os traballos presentados e seleccionar aqueles que resulten máis destacados. As clases elixidas participarán na segunda fase, Localízate! na rúa, que se desenvolverá nas zonas comerciais e prazas de abastos das sete cidades entre abril e maio de 2026.
Nesa etapa o alumnado realizará unha xincana a pé polos comercios participantes, interactuando cos establecementos e resolvendo probas que lles permitirán coñecer de primeira man a realidade do sector. Entre outros obxectivos, búscase fomentar o pensamento crítico e creativo, a iniciativa emprendedora e a autonomía, así como incidir en aspectos relacionados coa economía local e a empresa.
Ademais, en cada cidade instalarase unha unidade móbil que servirá de punto informativo e de espazo para dar visibilidade aos produtos locais, ademais de funcionar como saída e meta da proba por equipos.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de outubro. Os centros interesados poden inscribir as clases que desexen no formulario habilitado nesta ligazón.

