- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta convocatoria de 2025, da que se beneficiaron un total de 82 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, dúas asociacións profesionais de persoas artesás e catro concellos
- A orde responde á importancia do sector artesanal en Galicia, que destaca polo seu dinamismo vertebrador do territorio, xerador de emprego e fixador de poboación especialmente no rural
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización neste ano 2025. En concreto, 82 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, dúas asociacións profesionais e empresariais de persoas artesás e catro concellos resultaron beneficiarios dunha contía global superior aos 244.000 euros co gallo de darlle un pulo ao sector artesán, que destaca polo seu dinamismo vertebrador do territorio, xerador de emprego e fixador de poboación especialmente no rural.
As achegas están orientadas a apoiar a organización e participación en feiras, tanto dentro da nosa Comunidade como no ámbito estatal ou internacional, co obxectivo de impulsar a difusión e comercialización da artesanía galega. Perséguese así consolidar as actividades artesanais en Galicia, que abranguen unha longa lista de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás esixentes demandas do mercado actual.
Esta convocatoria terá continuidade en 2026, no marco dunha ampla batería de medidas a prol do sector artesán entre as que destacan iniciativas novas como a formación para aprendices por 1 millón de euros que busca garantir a remuda xeracional á fronte dos oficios tradicionais, na liña doutros programas pioneiros da Xunta como o Aprender da tradición. Oficios e técnicas, ao abeiro do que se seguirán programando formacións.
Cabe engadir que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 inclúe no seu segundo eixe, para a dinamización e visibilidade do comercio, unha medida para impulsar o posicionamento da marca Artesanía de Galicia, apoiando a comercialización de produtos artesanais en feiras profesionais e de venda directa e organizando e colaborando en eventos de comercialización, mercados e outras fórmulas de posicionamento.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251110/AnuncioG0767-311025-0001_gl.html



