― Prevese a apertura dos expedientes sancionadores nos casos nos que se comprobe que non se prestaron os servizos mínimos sen causas xustificadas, por exemplo que se teña constancia de que non houbo piquetes
― Na primeira xornada de paro cumpríronse o 83% dos servizos mínimos decretados, isto é, 1.853 dun total de 2.233
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024.- A Xunta abrirá expedientes sancionadores ás empresas concesionarias que incumpran os servizos mínimos decretados polo Goberno galego con motivo da folga xeral no sector transporte de viaxeiros por estrada, convocada hoxe e que tamén esta convocada para os días 11, 28 e 29 de novembro e o 5, 9 e 23 de decembro.
Na xornada de hoxe, dos 2.233 servizos mínimos que tiñan que prestarse segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia no transporte de competencia autonómica -non se inclúe transporte urbano agás Ferrol e Pontevedra- realizáronse 1.853, o que supón un cumprimento do 83%. Polo tanto, houbo 380 servizos, o 17%, que non se levaron a cabo e que serían susceptibles de sanción por parte da empresa concesionaria, agás que se xustifique a existencia de causas xustificadas, como a presenza de piquetes na orixe.
Por provincias, na da Coruña prestáronse 458 dos 669 servizos previstos, o 69%; na de Lugo, realizáronse 369 servizos de 371, o 99,4%; en Ourense cumpríronse o 100% dos 352 servizos previstos, e na de Pontevedra, funcionaron 674 dos 841 fixados, o 80,14%.
No transporte de escolares a xornada transcorreu con normalidade, xa que se estableceron como servizos mínimos todos os dunha extensión de máis de catro quilómetros, tanto nos integrados -nos que comparten o autobús as persoas usuarias de uso xeral- como nos de transporte escolar, tanto públicos como os contratados por centros privados.
Cómpre lembrar que a folga do servizo de transporte de viaxeiros por estrada obedece a un conflito a nivel estatal entre patronal e traballadores, que está a ser negociado en Madrid. A Xunta no marco das súas competencias, estableceu os servizos mínimos para garantir o dereito da cidadanía á mobilidade e, vinculada con estas, o do acceso á educación, a centros sanitarios, ou aos postos de traballo, polo que os servizos mínimos inciden especialmente no transporte de escolares e traballadores.

