- Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
- Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
- Suspéndese a actividade no exterior nos centros educativos e a actividade deportiva federada e do programa Xogade no suroeste da Coruña e no litoral e Miño de Pontevedra.
A Xunta vén de activar desde última hora do día de hoxe a alerta laranxa por chuvias no suroeste da provincia da Coruña e nas zonas das Rías Baixas e Miño de Pontevedra. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa actívase por precipitación acumulada que pode acadar os 30 mm. nunha hora. Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Debido á alerta laranxa por choiva, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender este mércores 5, ata as 16,00 horas, as actividades no exterior dos centros educativos de tres zonas: A Coruña Suroeste (Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois), Litoral de Pontevedra (Baiona, Barros, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa) e Miño de Pontevedra (Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui).
Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen no exterior nestas zonas
Continúa ademais a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, con vento do sur con ata forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata seis metros, onde tamén se mantén suspendida a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.



