- As rutas son de balde, pero as persoas interesadas deberán facerse cargo do custo do transporte ás illas e inscribirse previamente na web da central de reservas ou persoalmente o día da visita nas casetas de información que hai en Cíes e en Ons
- O Goberno galego leva organizando de forma continuada desde o ano 2004 rutas guiadas e gratuítas ás Illas Atlánticas, o que permitiu que participasen xa no programa preto de 60.000 persoas ao longo das dúas décadas que leva activo
- Ademais das excursións dirixidas por guías especializados, tamén poden realizarse ata 10 itinerarios sinalizados nos catro arquipélagos que integran o Parque Nacional
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán un total de 368 rutas guiadas con aproximadamente 5.400 prazas para coñecer a natureza, o patrimonio cultural e arqueolóxico e a historia das illas que conforman este espazo natural.
Todas as rutas faranse en grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia da máxima calidade. No caso de Cíes e de Ons, as persoas interesadas en participar nalgunha das visitas con guía que se realizarán a diario entre o 15 de xuño e o 15 de setembro poderán apuntarse tanto de xeito presencial, nas casetas de información localizadas nas propias illas, como a través da central de reservas.
En canto ás rutas guiadas polo arquipélago de Cortegada, que serán os domingos en grupos de 14-15 persoas, só hai opción de reservar a través da web. Baixo o título Cortegada, un bosque no medio do mar, ofreceranse en total oito visitas —29 de xuño; 6, 13 e 20 de xullo, e 10, 17 e 24 de agosto— e o prazo para poder reservar praza pecharase catro días antes da data de cada excursión. Habilitarase unha lista de agarda para cubrir as posibles baixas que se produzan entre os inscritos.
Ademais, no caso concreto de Cíes e Ons a solicitude a través da central de reservas en liña deberá facerse cunha antelación máxima de 15 días e ata 24 horas antes da realización da ruta; e as inscricións de xeito presencial tramitaranse o mesmo día.
Haberá tamén actividades guiadas puntuais na illa de Sálvora a partir de xullo, aínda que se comunicarán máis adiante xa que, polo momento, non está pechada a programación.
Cómpre subliñar que, aínda que todas estas rutas guiadas son totalmente gratuítas, os visitantes deberán facerse cargo do seu traslado ata a illa. No caso de Cíes e Ons, ao existir transporte regular durante o verán, cada persoa debe solicitar a correspondente autorización de visita e o seu billete de barco. O guía, pola súa parte, estará esperando ao grupo nos puntos de información das illas.
Así e todo, no que respecta a Cortegada, unha illa que cómpre lembrar que só se pode visitar en compañía dun guía especializado, o propio Parque Nacional organiza o grupo e contrata o transporte, pero o visitante, logo de reservar a súa praza a través da páxina habilitada, debe pagar o billete á navieira seguindo as indicacións que lle farán chegar.
En canto á temática, os percorridos están pensados para achegar aos participantes tanto aspectos naturais como culturais e histórico-etnográficos que axudan a coñecer cada un dos arquipélagos. As rutas ofertadas de maior percorrido e duración son Cíes, unha illa de paisaxes ou Ons: unha illa con 2 caras, nas que se visitan miradoiros e que permiten tratar contidos xerais sobre a biodiversidade e riqueza natural das illas.
Máis centradas nos aspectos históricos e etnográficos destes arquipélagos, os visitantes poderán anotarse este verán aos itinerarios Cíes: unha viaxe no tempo, Ons: un pobo no mar ou Os primeiros poboadores de Ons. Tamén se ofrecen outras máis curtas e específicas como Entre mareas, O segredo da praia de Rodas, Silencio…píase! ou Por que as augas están tan frías, que se centran nalgún aspecto específico como a zona intermareal, o complexo lago-dunar de Rodas ou as aves e a vida mariñas, que percorre toda a costa da illa descubrindo a súa historia e as súas árbores.
Dúas décadas do programa
Este programa de rutas de verán do Parque Nacional naceu en 2004, ofertando nun principio rutas guiadas a Cíes e Ons, e ampliando a actividade a partir do ano 2017 tamén aos outros arquipélagos. Grazas a el, estímase que puideron visitar estes espazos naturais aproximadamente unhas 60.000 persoas nos máis de 20 anos que leva activo.
Ante a boa acollida do programa, que sempre esgota rapidamente as prazas dispoñibles, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tenta reforzar a oferta cada tempada estival e, de feito, a deste verán será a máis completa das ofrecidas ata agora.
Así mesmo e á marxe do programa de rutas guiadas que organiza cada verán a dirección do Parque Nacional, nos catro arquipélagos hai un total de 10 itinerarios peonís sinalizados que permiten coñecer de primeira man as illas. Cada un está indicado cunha cor e hai folletos explicativos sobre o percorrido tanto na web como nas casetas de información habilitadas no caso de Cíes e de Ons.