― José González destacou o impacto desta iniciativa que xa leva máis de 6.100 negocios adheridos nas catro provincias e que prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas cuns 72.000 bonos de desconto descargados en apenas dez horas
― Os bonos, que se poden descargar desde hoxe, poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance o orzamento da convocatoria
― O conselleiro lembrou que esta é unhas medidas integradas no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, actualmente en proceso de elaboracion co sector e que se presentará no primeiro trimestre de 2025
― Destacou que a aposta estratéxica polo comercio nos orzamentos do vindeiro ano tamén se reflicte no impulso de novos proxectos de dinamización como Vilas vivas, cun primeiro piloto efémero en Ribadavia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago o comercio téxtil Frisée con motivo do lanzamento da nova edición do Bono Activa Comercio. A Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos -xa hai máis de 6.100 adheridos en toda Galicia nestes momentos e uns 72.000 bonos de desconto descargados en apenas dez horas- co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.
Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan sumándose desde o pasado 23 de outubro, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 15 de decembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde xa na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Na última edición superáronse os 6.800 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.
Nova estratexia autonómica
Durante a súa visita, o conselleiro de Emprego puxo en valor que o comercio ten unha enorme relevancia na xeración de emprego, na dinamización das economías locais e como fonte de vida dos barrios e vilas, destacando que para a Xunta é absolutamente prioritario o apoio a este sector, que xera na Comunidade 107.000 postos de traballo.
Esta aposta reflíctese, segundo destacou, nos orzamentos de 2025 da Consellería, co obxectivo de seguir garantindo a súa viabilidade como máximo referente dun servizo de proximidade e de calidade que, ademais, contribúe a xerar oportunidades no territorio e a fixar poboación.
Entre as medidas nas que está a traballar o Goberno galego figura o Plan estratéxico de comercio 2025-2030 -actualmente en proceso de elaboración da man de todos os axentes implicados- que se presentará no primeiro trimestre co obxectivo de dotar ao sector das medidas e ferramentas necesarias para afrontar os retos que teñen por diante, así como para garantir a súa necesaria remuda xeracional.
Así mesmo, explicou que se afondará no impulso das prazas de abastos e a súa certificación co selo de Mercados Excelentes, promovendo tamén o seu potencial dinamizador a través dun orzamento total de 6,8 millóns de euros.
Ademais, sinalou, a Xunta promoverá iniciativas innovadoras de dinamización comercial como o proxecto piloto Vilas vivas, que comezará no mes de decembro en Ribadavia apostando por espazos efémeros ligados ao territorio para seguir implementando posteriormente noutras cabeceiras de comarca.