A Xunta advirte ao sector gandeiro da importancia de alegar sobre a situación do lobo para frear o intento do Goberno Central de declarar o especie vulnerable de xeito totalmente arbitrario

Redacción
  • Ángeles Vázquez advirte de que o procedemento de información pública aberto polo Executivo central en relación co informe sexenal da especie é un procedemento non previsto regulamentariamente e co que só se busca prolongar o proceso de remisión dos datos á Comisión Europea
  • O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acumula case un ano de retraso no envío dese documento a Bruxelas, o que xa motivou a apertura dun procedemento de infracción contra España por este incumprimento
  • A conselleira alerta de que o informe ministerial para declarar o lobo en estado desfavorable parte dunha interpretación subxectiva dos datos dispoñibles baseada en criterios alleos aos establecidos na metodoloxía europea
  • Galicia e outras comunidades reclamaron en varias ocasións a convocatoria dunha Conferencia Sectorial para analizar esta cuestión -demandas que non foron atendidas- e advertiron das eivas e deficiencias desa avaliación
  • O Executivo galego conclúe que a actuación do Ministerio vai en contra do equilibrio entre a protección da especie e a viabilidade da actividade gandeira pois os ataques na comunidade aumentaron máis dun 72% nos últimos dous anos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, remitiu hoxe unha carta a distintas organizacións agrogandeiras de Galicia animándoas a presentar alegacións ao trámite de información pública aberto polo Goberno central en relación co informe sexenal sobre o estado de conservación do lobo que debe enviarse a Bruxelas. A responsable autonómica advirte de que as aportacións do sector son vitais para mostrar a realidade da especie e frear a pretensión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de declarar, de xeito totalmente arbitrario, que o seu estado é desfavorable.

Ángeles Vázquez explica na misiva que o procedemento iniciado polo Executivo central -con prazo para a presentación de suxestións ata o vindeiro 27 de maio- non está previsto regulamentariamente e que semella unicamente unha nova medida dilatoria coa que dificultar a adopción dunha posición consensuada sobre o estado de conservación do lobo, baseada nos datos oficiais achegados polas comunidades autónomas, pois conclúen que a súa situación é favorable.

Unha situación que se dá ademais nun momento no que o Goberno central acumula case un ano de retraso no envío dos informes sexenais á Comisión Europea pois tiña de prazo para remitilos ata o 31 de xullo do ano pasado e non o fixo. Esa dilación, precisamente, xa motivou que a Comisión Europea abrise un procedemento de infracción contra o Reino de España por incumprimento da Directiva Hábitats.

A conselleira lamentou que o Ministerio abre este procedemento de información pública escudándose en que atende “ao interese suscitado en relación cos datos do lobo” e para contar “con aportacións de interese na toma de decisións” co fin de recompilar argumentos cos que reforzar as súas teses ideolóxicas e defender ante Bruxelas que o estado de conservación da especie é desfavorable, polo que precisaría dunha maior protección.

Interpretación subxectiva

A responsable autonómica sinala na carta que a documentación asociada ao proceso de información pública son unha serie de informes elaborados polo Ministerio que pretenden argumentar que o estado de conservación do lobo en España é desfavorable. Estes documentos parten dunha interpretación subxectiva dos datos dispoñibles baseada en criterios extrabiolóxicos alleos á metodoloxía europea e que non se corresponden nin coa realidade obxectiva da especie no territorio nin cos datos remitidos polas comunidades autónomas.

Ángeles Vázquez aclara que a realidade da especie é moi diferente á que pretende dar a ver o Goberno central pois os datos oficiais dispoñibles reflicten “inequivocamente” unha evolución positiva da especie en España durante as últimas décadas. De feito, desde unha perspectiva exclusivamente ecolóxica, o lobo presenta actualmente unha dinámica expansiva, unha capacidade reprodutiva elevada, unha funcionalidade ecolóxica plena e unha viabilidade demográfica tanto a medio como a longo prazo. Por estes motivos, o seu estado de conservación debería ser considerado favorable.

Iso é o que defenden Galicia e o resto de comunidades lobeiras, que presentaron un informe propio -incluído tamén no proceso de información pública- e reclamaron en varias ocasións a convocatoria da Conferencia Sectorial para aprobar un documento que reflicta a situación real da especie -favorable- e remitilo a Bruxelas.

A conselleira lembra que en territorio galego nos últimos dous anos -2024 e 2025- rexistráronse unha media de 2.019 avisos por ataques de lobo, o que supón un incremento do 72% en relación cos 1.174 do ano 2021, cando o Goberno central incluíu, de forma unilateral e totalmente arbitraria, a especie no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Na mesma liña, as reses afectadas aumentaron un 55%, ao pasar de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que supón unha media de nove animais atacados ao día.

Por iso, a representante da Xunta conclúe que a actuación do Ministerio vai en contra do equilibrio entre a protección do lobo e a viabilidade da actividade gandeira. O Executivo central prima o primeiro sobre o segundo obviando completamente as consecuencias socioeconómicas que a presenza do lobo no territorio ten nas explotacións gandeiras.

Comparte este artigo