- José González destacou que na convocatoria 2025-2026 foron concedidos PIE a 19 entidades locais e a 30 entidades sen ánimo de lucro, entre elas Afaor
- Subliñou que no último lustro os PIE permitiron a incorporación ao mercado laboral de máis de 8.000 persoas desempregadas e con eles téñense desenvolvido 44.300 sesións individuais cos participantes
- Sinalou que a Xunta continuará afianzando o seu apoio aos PIE o vindeiro ano cun investimento de máis de 10 M€, unha cantidade que se sumará aos preto de 129 M€ dedicados polo Goberno galego a este ferramenta desde 2009
- Explicou que esta liña se complementa con outras que o Executivo autonómico seguirá impulsando en 2026, como os obradoiros de emprego, que se reforzarán en colaboración con entidades locais e que contarán con 44 M€
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe a sede da Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer de Ourense (Afaor) e participou no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) desenvolvido pola entidade no 2024/2025. Alí puxo de relevo o papel clave destas ferramentas, que a Xunta impulsa en colaboración cos concellos e entidades sen ánimo de lucro, na integración sociolaboral dos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo.
Nesta liña, sinalou que na convocatoria 2025-2026 foron concedidos PIE a 19 entidades locais —beneficiando en total uns 70 concellos— e a 30 entidades sen ánimo de lucro, entre elas Afaor. Ademais, recordou que como novidade nesta última convocatoria, destináronse 2 M€ a plans específicos para persoas maiores de 52 anos, que se sumaron á reserva doutros 2 M€ orientada ás mulleres, que nos últimos anos representaron arredor do 60 % das persoas participantes.
En relación co PIE de Afaor, centrado nas provincias de Ourense e Pontevedra, o conselleiro destacou o labor da entidade para levalo a cabo. Del formaron parte un cento de persoas desempregadas entre as que se atopaban persoas con discapacidade, menores de 30 anos ou mulleres e que hoxe recibiron os correspondentes diplomas acreditativos. Durante un ano dotóuselles de itinerarios personalizados de inserción laboral que combinan accións de orientación, formación, acompañamento e intermediación.
Resultados dos PIE e consolidación do apoio da Xunta
Ademais, José González salientou en cifras a importancia dos PIE destacando que nos últimos cinco anos permitiron a incorporación ao mercado laboral de máis de 8.000 persoas desempregadas cunha taxa media de inserción do superior ao 47%. Neste tempo, engadiu, téñense levado a cabo máis de 44.300 sesións individuais, nas que os participantes reciben asesoramento e acompañamento personalizado para favorecer a súa inserción laboral. Ademais, impartíronse máis de 56.000 horas de formación en especialidades recoñecidas polo Servizo Público de Emprego Estatal —co foco nas necesidades das empresas do territorio—, incluíndo técnicas de motivación, competencias sociolaborais e preparación de entrevistas.
Neste sentido, o conselleiro sinalou que a Xunta continuará afianzando o seu apoio aos PIE cun investimento de máis de 10 M€ o vindeiro ano co fin de optimizalos e aumentar as oportunidades de emprego. Trátase dun investimento que se sumará aos preto de 129 M€ que desde 2029 leva dedicados a Xunta a este instrumento, incluíndo neste balance a convocatoria 2025-2026.
Formación de talento ligada ao territorio
Outras ferramentas que destacou o conselleiro no ámbito da formación de talento ligada ao territorio e que complementan aos PIE son os obradoiros de emprego que se reforzarán
en colaboración con entidades locais e que o vindeiro ano contarán con 44 M€ para potenciar a empregabilidade dos participantes. Ademais, destacou o importante papel da formación flexible e axustada ás demandas das empresas como a que está a impulsar Galicia e que promove a Unión Europea. Nesta liña, sinalou que o Goberno galego continuará fortalecendo en 2026, medidas como a orde de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), renovada para proporcionar unha resposta máis áxil ás necesidades do tecido produtivo.



