- Destes efectivos que acadaron praza fixa, 66 TCAE´s prestarán servizos no distrito sanitario de Pontevedra e 7 no distrito sanitario de O Salnés
- Así mesmo, os 20 PSX incorpóranse en atención primaria, 12 no distrito sanitario de Pontevedra e 8 no distrito sanitario de O Salnés
- Distribuíuse entre o novo persoal a guía de “Acollida para profesionais de novo ingreso na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés”
O Hospital Provincial de Pontevedra acolleu hoxe o acto de toma de posesión coma novo persoal fixo de 73 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría -TCAE- así coma de 20 profesionais da categoría de persoal de servizos xerais -PSX- na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Dos 73 TCAE´s, 66 deles incorpóranse no distrito sanitario de Pontevedra e 7 no distrito sanitario de O Salnés. Dúas das persoas que obteñen praza na categoría de TCAE acceden pola quenda de discapacidade intelectual, materializándose así á inclusión destas persoas no ámbito laboral.
Así mesmo, os 20 PSX que prestarán os seus servizos nos distintos centros de atención primaria, 12 incorpóranse no distrito sanitario de Pontevedra e 8 no distrito sanitario de O Salnés.
Se ben estes profesionais dispoñen dun mes para tomar de posesión da praza adxudicada e incorporarse ao servizo activo, ao longo da mañá de hoxe boa parte destes profesionais realizaron a toma de posesión da súa praza no Hospital Provincial de Pontevedra.
Remate do proceso selectivo
Con esta toma de posesión remata o proceso selectivo tras a publicación onte no Diario Oficial de Galicia da resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procedeu ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados nos procesos selectivos, polo sistema de concurso-oposición, nas categorías de PSX e TCAE, convocados polas resolucións do 15 de decembro de 2022.
Entrega da guía de acollida aos profesionais
Durante o acto de toma de posesión de hoxe no Hospital Provincial de Pontevedra distribuíuse entre os traballadores que asinaron a súa vinculación fixa un tríptico cunha guía de “Acollida para profesionais de novo ingreso na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés”, documentación que tamén está a súa disposición a través da web da Área Sanitaria, con maior amplitude de conceptos.
A devandita iniciativa ten como obxectivo poñer a disposición dos profesionais información sinxela e actualizada sobre a organización da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés no ámbito hospitalario e de atención primaria, dando a benvida a todo o persoal de novo ingreso.
Esta guía inclúe especial referencia ao Punto de Atención ao Traballador (PAT) unidade de referencia para a realización de trámites e consulta polas/os traballadoras/es da área sanitaria, que ten atribuídas funcións de rexistro, de recepción de documentación e solicitudes vinculadas coa relación laboral e que actúa como punto de acreditación electrónica (PAE) no que se facilitan os certificados dixitais necesarios para desenvolver a actividade laboral e poder acceder ás distintas aplicacións informáticas.
Así mesmo, a guía inclúe tamén o enlace ao Plan de Igualdade entre homes e mulleres existente no Servizo Galego de Saúde, correos electrónicos e teléfonos de interese para o persoal tales coma o servizo de lencería no que lle facilitan a uniformidade, o servizo de informática ou a unidade de prevención de riscos laborais, entre outros.