O director de Turismo de Galicia participou na apertura do III Encontro do Club de Produto Galicia Destino Sostible no que profesionais comparten boas prácticas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na apertura do III Encontro do Club de Produto Galicia Destino Sostible, organizado polo Clúster de Turismo de Galicia e que reúne diferentes profesionais para reforzar a visibilidade das prácticas sostibles e a profesionalización do sector turístico galego.
No encontro agradeceu ao sector turístico galego “o seu compromiso coa sostibilidade do destino galego, a través de accións e prácticas que están permitir consolidar Galicia como destino sostible, competitivo e diferenciado”. Neste sentido, Merelles destacou o apoio económico do departamento ao sector, con axudas para a modernización e mellora de establecementos de aloxamento e restauración por un valor anual de 4,5M€.
Súmanse a isto achegas específicas para a eficiencia enerxética, nas que só o ano pasado investíronse máis de 10M€, así como outras liñas para o embelecemento ou centradas en modalidades específicas de turismo, ata un valor de máis de 30M€ en 2025.
O encontro deste ano xira ao redor da importancia da certificación en calidade, un asunto sobre o que o director de Turismo de Galicia destacou a colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade, o ICTES, desde hai 26 anos, e o traballo nestes anos que trouxo consigo que Galicia sexa hoxe a segunda comunidade autónoma de España en número de certificacións Q de Calidade Turística e a terceira co selo S.
“A certificación facilita a apertura a novos mercados e reforza a competitividade internacional”, sinalou, destacando tamén o papel de Galicia Calidade. “Como selo de garantía é considerado unha marca de prestixio a nivel nacional nos ámbitos gastronómico, vitivinícola e turístico”.

