- José González subliña o reto da remuda xeracional require medidas integrais e coordinadas e eficaces para seguir fortalecendo o tecido autónomo galego, que representa preto do 19,3% das afiliacións, case catro puntos por riba da media estatal
- No marco da orde única de axudas ao sector, remarca o incremento do Bono Remuda nun 20 %, ata os 1,5 M€, que pode solicitarse ata o 30 de setembro e que ofrece achegas tanto a quen asume o negocio como a quen o traspasa por mor da xubilación
- Lembra que esta axuda económica se completa co asesoramento e visibilidade da Rede de polos, que conta cunha bolsa específica de remuda actualmente con 140 proxectos na procura de relevo, arredor de 40 na provincia de Pontevedra
- Incide en que a remuda xeracional constitúe tamén un dos eixos centrais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030, na que está a traballar a Xunta co obxectivo de coordinar todo o ecosistema emprendedor galego
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor o conxunto de medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a remuda xeracional no tecido autónomo, destacando un enfoque como Administración facilitadora que combina o apoio económico ao colectivo, como a orde única dotada de 40,7 M€, o apoio da Rede de polos e o desenvolvemento da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Así o sinalou esta mañá na inauguración do II Congreso Nacional de Remuda Xeracional, organizado por UPTA, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
Na súa intervención, o conselleiro subliñou que afrontar o reto da remuda xeracional é clave no actual contexto demográfico e que require medidas integrais, coordinadas e eficaces que permitan garantir a continuidade de negocios viables e seguir fortalecendo o tecido autónomo galego, que representa preto do 19,3% das afiliacións, case catro puntos por riba da media estatal, sendo a segunda CCAA con maior peso do colectivo. Ademais, subliñou que emprender non sempre implica comezar de cero, senón aproveitar negocios en funcionamento que xeran actividade e emprego. Neste sentido, e no marco do paquete unificado de axudas ao emprego autónomo, González destacou o impacto do Bono Remuda, que precisamente incrementou a súa contía nun 20% este ano ante a elevada demanda e que ten prazo aberto ata o 30 de setembro. Segundo explicou, este instrumento, que contempla axudas de ata 30.000 euros, estrutúrase en dúas liñas —Bono Remuda rural e Bono Remuda xeral— e permite cubrir ata o 75% do custo do traspaso, con achegas tanto para quen asume o negocio como para quen o traspasa por xubilación, co obxectivo de facilitar a continuidade de negocios rendibles e con arraigo no territorio.
Rede de polos
O conselleiro destacou que estas axudas económicas se complementan co labor fundamental da Rede de polos de emprendemento —con 15 oficinas repartidas por Galicia que xa atenderon máis de 6.100 proxectos—, nomeadamente a través da bolsa específica de remuda, actualmente con 140 proxectos na procura de relevo, arredor de 40 na provincia de Pontevedra —nos Polos de Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa—, que ofrece visibilidade e acompañamento para conectar persoas titulares de negocios que buscan relevo con posibles emprendedores interesados en darlles continuidade.
Nesta liña, incidiu en que a remuda xeracional constitúe tamén un dos eixos centrais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030, na que está a traballar a Xunta co obxectivo de coordinar todo o ecosistema emprendedor galego, favorecendo a colaboración público-privada co fin de compartir recursos e xerar sinerxías no eido do emprendemento.
Mesas
No marco da xornada de hoxe, están previstas diferentes mesas, como Formación e relevo xeracional, na que participará a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; Economía social e remuda xeracional, coa intervención da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e Políticas públicas para a atracción de talento e o asentamento da poboación, na que participará o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.

