- Ángeles Vázquez reitera o compromiso autonómico no apoio ás administracións locais para avanzar cara a municipios máis limpos, máis verdes, apostando pola mobilidade sostible, a eficiencia enerxética e a xestión responsable dos recursos
- Indica que as conclusións do Atlas urbano da sostibilidade son de moita axuda para orientar as prioridades de actuación á hora de seguir buscando e achegando solucións para facer de Galicia unha rexión á vangarda da sostibilidade
- Salienta que Galicia está a converter a sostibilidade en motor de innovación, cohesión urbana e competitividade, integrando esforzos de goberno, empresas e sociedade civil para garantir un futuro máis resiliente e ambientalmente responsable
- O Atlas galego da sostibilidade fai fincapé na súa cuarta edición en tres aspectos nos que o Goberno galego xa está a facer un grande esforzo: a xestión dos residuos, a eficiencia hídrica e a calidade ambiental
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que os concellos que conten cun Plan local de acción polo clima terán prioridade na concesión de axudas públicas nesta materia en 2027.
Tal e como indicou na presentación da cuarta edición do Atlas urbano da sostibilidade de Galicia, a Xunta traballa xa para que na convocatoria de axudas do vindeiro ano da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático se inclúa como criterio de valoración específico que as administracións locais conten con este instrumento, que é unha folla de ruta fundamental de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.
Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor que 260 concellos galegos xa dispoñen do seu respectivo Plan e lembrou que a Lei do clima de Galicia establece que a súa aprobación é obrigatoria para os concellos de máis de 20.000 habitantes -o 74% deses municipios xa o teñen aprobado ou presentado-.
Nesa liña, a conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego no apoio ás administracións locais para avanzar cara a municipios “máis limpos, máis verdes, apostando pola mobilidade sostible, a eficiencia enerxética e a xestión responsable dos recursos”.
De feito, segundo dixo a responsable autonómica, as conclusións do Atlas urbano da sostibilidade, editado por Economía digital, son de moita axuda para orientar as prioridades de actuación á hora de seguir buscando e achegando solucións para facer de Galicia unha rexión á vangarda da sostibilidade.
En concreto, nesta cuarta edición fai fincapé en tres aspectos nos que o Goberno galego xa está a facer un grande esforzo: a xestión dos residuos, a eficiencia hídrica e a calidade ambiental.
No que atinxe á xestión de residuos, aínda que se trata dunha competencia municipal, a Xunta leva anos apoiando ás administracións locais para que poidan ofrecer un servizo de calidade máis eficiente e sostible co que cumprir os obxectivos establecidos pola normativa europea.
En concreto, a conselleira puxo como exemplo que desde 2018 se concederon preto de 40 millóns de euros en axudas a concellos que se traduciron nunha mellora substancial no servizo de recollida selectiva. O 97% dos concellos galegos implantou, total ou parcialmente, un sistema de recollida para os biorresiduos; o 88% ten servizo de punto limpo -o que equivale ao 93,5 por cento da poboación-, e un 80% dispón doutros sistemas de recollida diferenciada de refugallos especiais como téxtiles e aceites.
En canto á xestión da auga, Ángeles Vázquez lembrou que a aposta por redes mais eficientes e maior capacidade de almacenamento para unha maior resilencia ao cambio climático é unha cuestión prioritaria nos orzamentos da Xunta de Galicia. Así, cada ano convócanse varias liñas de axudas para que os concellos poidan facer auditorías das súas redes, así como para que poidan actuar en puntos críticos e en actuacións de mellora que precisan un maior rango de intervención.
Segundo dixo a conselleira, Augas de Galicia traballa cunha planificación rigorosa que, desde a coordinación e cunha visión transversal, busca acadar unha maior eficiencia dos recursos e optimizar a xestión hídrica, avanzando cara a sostibilidade.
O Atlas urbano da sostibilidade tamén avalía os parámetros da calidade do aire e do ruído. Nese senso, o último informe sobre a situación acústica na Comunidade constata unha mellora nos valores a nivel global, en liña coa tendencia positiva detectada nos últimos anos. Así mesmo, o último informe elaborado por MeteoGalicia (2024) conclúe que Galicia mantén unha boa calidade do aire en zonas urbanas, rurais e industriais.
Para concluír, a conselleira incidiu en que “Galicia está a converter a sostibilidade en motor de innovación, cohesión urbana e competitividade, integrando esforzos de goberno, empresas e sociedade civil para garantir un futuro máis resiliente e ambientalmente responsable”.

