HomeXunta de GaliciaA Xunta apoia a máis de 30 concellos e 14 entidades con...

A Xunta apoia a máis de 30 concellos e 14 entidades con preto de 3,2 M€ para potenciar as súas prazas de abastos como mercados excelentes

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas orientada a ampliar a rede de mercados recoñecidos con este distintivo de calidade, co obxectivo estratéxico de chegar aos 25 en 2030
  • A orde pasa a bianual para concellos e triplica o orzamento ata os 3,3M€ e inclúe achegas tanto as prazas que queiran acadar o selo como para as que xa o teñen 
  • No marco das axudas a concellos, resultaron beneficiarios 13 da provincia da Coruña, 12 da de Pontevedra, 3 en Lugo e 3 en Ourense e, no caso ás asociacións de prazas de abastos 11 corresponden á provincia de Pontevedra, 2 á Coruña e 1 a Ourense
  • Isto compleméntase co que o Goberno galego destina ao mercado de Ponteareas -800.000 euros- e ao de Ourense, cunha proposta ao Concello de 1,4 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración orientada a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes. Un total de 31 concellos galegos e 14 asociacións e federacións de prazas de abastos beneficiarase das axudas deste ano cun valor de próximo aos 3,2 M€.

No caso dos municipios, o valor de axuda concedida é de preto de 3 M€ —que contan como novidade cun período de gasto bianual, entre 2025 e 2026, para garantir máis tempo de execución para as actuacións obxecto de axuda—  e entre as accións que se subvencionan están a elaboración ou actualización da diagnose de situación e usos do mercado, accións de mentoring, elaboración da documentación técnica e gastos de dirección de obra e de coordinación de seguridade e saúde e actuacións de mellora para a obtención do selo de Mercado Excelente como as relacionadas co acondicionamento dos postos dos praceiros, os servizos e a accesibilidade, entre outras. Entre os beneficiarios están os tres concellos con mercados que teñen este distintivo, xa que a convocatoria inclúe achegas tanto para os que queiran implantar o selo como para os que xa o teñen.

Para as asociacións e federacións de prazas de abastos, o valor total de axuda é de preto de 171.000 € destinados a actuacións de dinamización comercial, fidelización da clientela e equipamento, o que sobe ata os preto de 3,2 M€ do investimento total de axuda autonómica neste exercicio para consolidar a rede de Mercados Excelentes. Isto compleméntase co que o Goberno galego destina ao mercado de Ponteareas -800.000 €- e á Praza de Abastos nº1 de Ourense, cunha proposta ao Concello de 1,4 M€ para cofinanciar as obras de reforma do edificio municipal.

Trátase dun compromiso que se seguirá potenciando no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta que a Xunta lanzou recentemente, que está dotada con 320 M€ e 74 accións a prol do comercio de proximidade e que é resultado da escoita activa e da colaboración cos principais axentes do sector. O obxectivo é fortalecer e consolidar unha rede ao abeiro do selo de Mercados Excelentes, un distintivo que impulsa a Xunta para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e a innovación sen perder a súa autenticidade e tradición.

Distribución por provincias

Dentro das axudas a concellos, resultaron beneficiarios 13 da provincia da Coruña, 12 da de Pontevedra, 3 en Lugo e 3 en Ourense. Aqueles coas prazas de abastos que non sexan Mercado Excelente poderán sufragar accións previas para acadar o selo, como a preparación ou actualización da diagnose da situación e usos do mercado, formación dos praceiros e praceiras, a elaboración da documentación técnica ou melloras das instalacións e equipamento. Neste caso, rexistráronse 28 municipios beneficiarios. Os que xa contan co selo poden recibir apoio para accións de acondicionamento, mellora de servizos para a clientela ou formativas, entre outras. Neste apartado resultaron beneficiarios os tres concellos con mercados que teñen este distintivo.

En canto ás asociacións de prazas de abastos, 11 das beneficiarias corresponden á provincia de Pontevedra, 2 á Coruña e 1 a Ourense. No caso das asociacións finánciase o mantemento dos seus marketplaces, material promocional ou servizos de fidelización de clientela, entre outras, e ás federacións a realización de campañas comerciais ou eventos.

Ligazón á resolución no DOG.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250521/AnuncioG0767-090525-0002_es.html

Publicacións Relacionadas