A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora co certame que combina estreas, un pasarrúas musical, danza na praia e propostas arredor da memoria e do patrimonio local
A Xunta de Galicia apoia a nova edición do Festival Desfoga, que se celebrará desde hoxe e ata o 10 de outubro en Cambados. Organizada pola Asociación Caracol, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con este certame que combina teatro, danza, música e divulgación cultural en espazos emblemáticos da vila, coa participación de artistas galegas e coa lingua, a memoria e a diversidade como eixos.
O director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacob Sutil, participou na presentación da cita deste ano, que ten como novidade que Laura Merchán, Nenaza, e Javier Sánchez, Meiga-i asumen a coordinación artística, recollendo o relevo de Matías Daporta e Begoña Cuquejo. O proxecto mantén a súa aposta pola creación interdisciplinar, a relación coa veciñanza e a posta en valor do patrimonio local.
Tres días de creación e encontro
En canto á programación, hoxe mesmo xoves, día 8, abrirá na Casa da Calzada a exposición Mnemotopía, de Elena Franesqui e Elara Elvira, de LiMiA Crafts. Seguidamente, o venres 9, ás 20,00 h., Marcelo Dobode conducirá Benvida Cuncanto, un pasarrúas e pasabares con saída da Praza de San Gregorio. Ás 22,30 h., Raze ofrecerá un concerto na sala Krazzy Kray.
A continuación, o sábado 10, comezará ás 12,30 h. co roteiro cultural Mar e iconas, de Elena Franesqui e Elara Elvira, con inscrición previa na Casa da Calzada. Ás 19,00 h., Eva Comesaña e Alejandra Balboa presentarán Á Beira na praia de San Tomé, unha creación que conecta a danza co marisqueo a pé e rende homenaxe ás mariscadoras.
Ás 20,30 h., Petra Porter levará ao Auditorio da Xuventude Disforia: unha mancha de pel allea. O peche será ás 23,00 h. no Salón Peña con Q de Quiz, de Meiga-i e compañía, un xogo escénico sobre a memoria da disidencia sexual galega. A cómica Cata Ukelele compartirá a súa experiencia nas redes como A Cara de Desfoga.

