Redondela estrea unha illa móbil de colectores selectivos para impulsar a sostibilidade nos eventos e festas

Redacción

• A nova estrutura itinerante dispón de depósitos específicos para a recollida separada de papel e cartón, vidro, envases lixeiros e fracción resto. O obxectivo do Goberno local é facilitar a reciclaxe a pé de rúa durante celebracións veciñais, citas deportivas ou outro tipo de evento que se celebre en calquera parroquia.

• O novo remolque busca atallar que todo o lixo se mesture, como adoita producirse nas celebracións en espazos públicos. Esta unidade permite a separación en orixe dos residuos, o que supón unha xestión do lixo máis sostible económica . A unidade entrará en funcionamento esta fin de semana nas festas de San Fausto, en Chapela.

O Concello de Redondela dá un paso máis na súa estratexia de protección medioambiental coa posta en marcha dunha illa móbil de colectores. Esta nova infraestrutura foi deseñada especificamente para dar cobertura aos eventos de gran afluencia que se desenvolven ao longo do ano no termo municipal, tales como celebracións populares nas parroquias ou competicións deportivas, asegurando que a acumulación de residuos nestas citas non free o compromiso coa reciclaxe.

A illa móbil está concibida como unha estación de reciclaxe integral sobre rodas, dotada de bocas selectivas e colectores diferenciados para recoller as principais fraccións de refugallos: papel e cartón (azul), vidro (verde), envases lixeiros e plásticos (amarelo) e a fracción resto. Deste xeito, o Goberno local busca atallar a xeración masiva de lixo mesturado que adoita producirse en espazos públicos durante as xornadas festivas, ofrecendo alternativas cómodas e moi visibles para unha separación en orixe eficaz. A reciclaxe permite unha xestión do lixo máis sostible e económica.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia desta adquisición: “Queremos que Redondela siga avanzando cara a un modelo plenamente sostible e respectuoso co medio ambiente. Con esta nova illa móbil achegamos as ferramentas necesarias para que reciclar sexa igual de fácil tanto no día a día como nos momentos de lecer colectivos”. Pola súa banda, o concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, fixo fincapé no aforro económico á hora de xestionar os residuos:  “Ata o de agora nestes eventos todo o lixo acaba na fracción de resto, pola que Sogama cobra 122€ por tonelada. Sen embargo polas toneladas de plástico, vidro ou cartón o servizo é gratuíto”. O dispositivo vai reducir a pegada ecolóxica local: “Esta estrutura podemos trasladala a calquera evento deportivo ou festa parroquial, garantindo a recollida selectiva alí onde se concentre público. O obxectivo é evitar que toneladas de envases, vidro ou papel acaben nun colector convencional sen posibilidade de reciclaxe”.

A estrea deste novo dispositivo terá lugar esta fin de semana, nas festas de San Fausto na parroquia de Chapela.

Comparte este artigo