A Xunta aposta pola concienciación da mocidade galega na acción climática para avanzar cara a unha comunidade neutra en emisións

Redacción
Lectura mínima de 4

— Paula Uría Incide en que as charlas promovidas pola Xunta permiten ao alumnado poder coñecer proxectos reais e innovadores que se están a desenvolver en Galicia
— Nesta segunda edición desta iniciativa, como novidade, están programadas visitas de alumnado de FP e universitarios a empresas adheridas á Alianza galega polo clima
— Esta actividade enmárcase no programa Mocidade polo Clima, que está dirixido a formar, informar e mobilizar fronte ao quecemento global á poboación galega de entre 3 e 35 anos, cun total de 23.700 participantes ata o momento

A Xunta aposta pola concienciación, sensibilización e formación da mocidade galega na acción climática para avanzar cara a unha Comunidade neutra en emisións.

Nesa liña, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, participou hoxe no Instituto de Educación Secundaria de Carral nunha actividade organizada no marco da iniciativa Inspiradores polo clima, posta en marcha polo Goberno galego para dar a coñecer entre o alumnado galego proxectos reais e innovadores que se desenvolven na Comunidade.

Neste caso, o alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria do IES de Carral coñeceu o traballo desenvolvido pola Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) e por Aplicaciones de Bombeo Industrial (Abin) para acadar unha xestión sostible e eficiente da auga.

Segundo explicou a directora xeral, este é o segundo curso consecutivo no que se desenvolve esta iniciativa que ten como obxectivo implicar á mocidade galega na acción climática e animala a involucrarse de forma activa e directa na busca de solucións fronte aos grandes retos ligados ao quecemento global.

Entre as novidades desta segunda edición de Inspiradores polo clima, está a programación de accións específicas dirixidas a alumnado de Formación Profesional (FP) e universitarios, que poden visitar empresas da Alianza galega polo clima para coñecer de primeira man algúns dos proxectos en materia climática nos que están a traballar.

Ademais, celebrarase por primeira vez un gran evento final no que persoas recoñecidas a nivel nacional e internacional pola súa posición de referencia en materia climática compartirán con mozas e mozos de entre 12 e 30 anos as principais accións e investigacións que están a desenvolver neste eido.

Máis de 27.300 participantes
Cómpre lembrar que esta iniciativa se enmarca no programa Mocidade polo Clima, impulsado pola Xunta en novembro do ano 2024 coa previsión de formar, informar e mobilizar fronte ao cambio climático cada ano a miles galegos de entre 3 e 35 anos a través de diversas liñas de acción e actuacións novidosas coas que se busca fomentar o seu talento, capacidade de innovación e solidariedade.

Na práctica, estase a desenvolver como unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación complementarios: formación desde a etapa de educación infantil ata a universitaria a través de programas como MeteoEscolas e Escolas Verdes; información e divulgación canalizada vía visitas con relatores de referencia na materia e iniciativas itinerantes nos principais eventos musicais de Galicia (Van polo clima); e acción climática, a través do fomento da participación activa e do compromiso da mocidade con charlas e actividades en campamentos de verán para nenas e nenos e en campos de voluntariado.

En total e tendo en conta todas as accións desenvolvidas ata o momento baixo o paraugas de Mocidade polo Clima, xa son máis de 23.700 as persoas que se beneficiaron deste programa desde a súa posta en marcha.

Comparte este artigo