A Xunta aposta polas ferramentas virtuais para axudar á cidadanía a separar ben e dar unha segunda vida a un maior volume de residuos

Redacción

— Ángeles Vázquez salienta que Sogama vai incorporar á súa páxina web un chatbot baseado en intelixencia artificial para dar resposta inmediata ás dúbidas da cidadanía sobre reciclaxe e sustentabilidade


— Esta ferramenta ofrecerá atención permanente, as 24 horas do día e os sete días da semana, para contribuír á correcta separación de refugallos


— A empresa pública xa ten en marcha desde 2024 o buscador Onde vai?, cun obxectivo semellante ao dese asistente virtual, que conta con máis de 300 residuos catalogados e que nestes anos rexistrou máis de 17.000 visitas


— A conselleira destaca que este tipo de iniciativas contribuíron a que Galicia rolde xa taxas do 90% na reciclaxe de papel-cartón, de máis do 80% no vidro ou de preto do 70% no caso dos envases lixeiros

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que a Xunta aposta por diferentes ferramentas virtuais para facilitar o labor da cidadanía á hora de separar os residuos e que o maior volume posible deles poida ter unha segunda vida. Así o explicou durante a súa visita a unha illa de contedores no concello do Pereiro de Aguiar con motivo da celebración, o vindeiro domingo, do Día internacional da reciclaxe baixo o lema Non penses en residuos, pensa en oportunidades.
A responsable autonómica explicou que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) lanzou en 2024 o buscador web Onde vai?, para resolver as dúbidas do conxunto da cidadanía sobre o destino dos residuos domésticos e que rexistrou máis de 17.000 visitas. Agora, no marco do Plan Estratéxico Sogama 2025-2030, a empresa pública vai incorporar á súa páxina web un chatbot baseado en intelixencia artificial co fin de dar resposta de maneira inmediata e facilitar un acceso máis rápido, cómodo e sinxelo á información sobre reciclaxe e sustentabilidade.
Esta ferramenta ofrecerá atención permanente, as 24 horas e os sete días da semana, para responder cuestións relacionadas coa prevención de residuos, a correcta separación dos refugallos, o contedor axeitado para cada un deles ou o papel que cada persoa desempeña na transición cara a unha economía circular.
Desta forma, este chatbot complementará o labor de Onde vai?, que inclúe máis de 300 residuos catalogados e que demostrou a súa eficacia á hora de aclarar dúbidas, como as xurdidas tras a implantación do contedor marrón ou con residuos que adoitan xerar confusión, especialmente os vinculados coa fracción resto e cos envases lixeiros.
O fin último de ambas iniciativas é acompañar á cidadanía e axudarlle a separar mellor, o que facilita a reciclaxe e os avances cara a un modelo de economía circular máis eficiente, moderno e sostible. De feito, incidiu a conselleira, os datos dispoñibles xa mostran que Galicia recicla cada vez máis e mellor.
O compromiso da cidadanía neste eido permitiu que Galicia rolde xa taxas do 90% en fraccións como o papel-cartón, de máis do 80% no vidro ou de preto do 70% no caso dos envases lixeiros. Por iso, Ángeles Vázquez animou ao conxunto da cidadanía a seguir por esta senda, buscando xerar cantos menos residuos mellor, separar ben aqueles que non queda máis remedio que botar ao cubo do lixo e facilitar o traballo de reciclaxe daqueles que poden ter unha segunda vida.
Esa segunda vida, como di o lema deste ano do Día internacional da reciclaxe, pode converter en recurso algo que antes non se ía utilizar, o maior exemplo da economía circular. De feito, trátase dun novo nicho de negocio que moitas empresas xa están a explotar, convertendo en materias primas recursos que antes se desbotaban.

Comparte este artigo