Home Xunta de Galicia A Xunta aproba unha nova planificación para liderar a acción climática en...

A Xunta aproba unha nova planificación para liderar a acción climática en España, con case un cento de medidas e máis de 1.700 M€ en investimentos ata 2030

- Anuncio -

— Ángeles Vázquez explica que o PRIEC guiará dunha forma transversal as políticas galegas no eido da mitigación, a adaptación, a investigación e a sensibilización fronte ao quecemento global


— O Goberno autonómico márcase como reto reducir as emisións nun 75% e lograr que o 85% da xeración eléctrica na Comunidade proceda de fontes renovables


— Entre as medidas máis destacables cómpre sinalar o fomento do cambio a modos de transporte máis eficientes ou o reforzo e mellora dos sistemas de saneamento para garantir a calidade das augas ante inundacións e outros fenómenos extremos


— Tamén se impulsará a investigación con accións como a Compra Pública Innovadora para favorecer o desenvolvemento de novas solucións ante o cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presentou hoxe o II Plan rexional integrado de enerxía e clima (PRIEC) 2030 para garantir que Galicia lidere a acción climática a nivel rexional e nacional e seguir avanzando ata conseguir un balance neutro entre as emisións e as absorcións de gases de efecto invernadoiro (GEI).

Esta nova planificación será a ferramenta que guíe as políticas climáticas da Xunta nos vindeiros anos, de forma transversal e implicando no proceso a todos os departamentos autonómicos para acadar os obxectivos climáticos desde as súas áreas competenciais. Máis polo miúdo, a conselleira explicou que o reto é reducir as emisións nun 75% e lograr que o 85% da xeración eléctrica na Comunidade proceda de fontes renovables.

Con este fin, o novo plan inclúe un total de 93 medidas específicas coas que prevé mobilizar un investimento estimado en 1.767 millóns de euros e que se articulan en torno a 34 liñas de actuación que se enmarcan en catro grandes áreas: mitigación, adaptación, investigación e dimensión social.

Entre as máis novidosas, a conselleira destacou o fomento do cambio a transportes máis eficientes e sostibles como os de uso colectivo en zonas metropolitanas ou o transporte a demanda no rural, medida na que se prevé mobilizar un investimento de 560 M€, ou o reforzo e mellora dos sistemas de saneamento e drenaxe (14,5 millóns) para garantir a calidade das masas de auga fronte aos riscos derivados de inundacións, desbordamentos e outros efectos asociados a fenómenos meteorolóxicos extremos.
Así mesmo, no eido da investigación destaca o impulso en 2025 da Compra Pública Innovadora para desenvolver novas solucións fronte ao cambio climático como o mercado voluntario de créditos de carbono. Cun investimento duns 7 millóns de euros, o fin último é axudar ás empresas a compensar as súas achegas de C02 coa realización de distintos proxectos —de reforestación, por exemplo— e contribuír así a avanzar cara ao obxectivo da neutralidade climática.

Para avanzar na sensibilización e na gobernanza, outra das novidades será a posta en marcha dun programa pioneiro de concienciación e divulgación en materia de cambio climático dirixido á xuventude (Mocidade polo Clima, cun orzamento de 1,4 millóns) ou a Oficina de Cambio Climático de Galicia, que fará un seguimento das accións do PRIEC.

Con carácter xeral, tamén se reforzará o papel da Comisión Interdepartamental para o impulso e coordinación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía (EGCCE) co fin de afianzar o seu carácter transversal e fomentar a cooperación entre todos os axentes e departamentos da Xunta implicados na mesma.

Igualmente, impulsarase a coordinación coas administracións municipais a través da Rede local polo clima, e co tecido económico e social mediante a Alianza galega polo clima, dúas iniciativas impulsadas pola Xunta para avanzar no compromiso conxunto de responder aos desafíos emerxentes que debe afrontar a Comunidade neste eido.

De igual forma, o PRIEC 2030 tamén aposta por equilibrar a diferencia entre emisións e absorcións, adaptar os sectores primarios máis afectados polos efectos do cambio climático, reforzar a resiliencia do territorio urbano e rural e impulsar medidas que reduzan as súas consecuencias para a saúde humana.

Balance do plan anterior
Cómpre lembrar que a Xunta impulsou a EGCCE en 2019 como instrumento planificador para blindar o futuro da Galicia verde. Tendo en conta que foi concibida como unha ferramenta en proceso de avaliación continua, este novo plan revisa e actualiza os seus obxectivos para continuar co seu desenvolvemento e garantir unha maior eficacia.

Así, no marco do I Plan Rexional Integrado 2019–2023 executáronse un total de 139 medidas, —un 81% de todas as propostas—, cun orzamento total de 1.139 millóns de euros e un grao de execución do 91% do total orzamentado. Ademais, desde 2019 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5%, tres veces máis que a media española (6%) e que a europea (6,1%).

Relacionadas

A Xunta apoia a celebración do Día dos Medios en Galego que inclue concertos...

0
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta esta celebración pola “importancia en uso e en prestixio” do emprego da nosa lingua...

A Xunta anima a empresas e entidades sociais a apostar por iniciativas para a...

0
— Ángeles Vázquez pon como exemplo a actuación realizada por Padre Rubinos, que recibiu 10.516 € para mellorar a capacidade de almacenaxe das súas...

A Xunta salienta a eficacia do programa de emprego de garantía xuvenil e as...

0
Salientou que a convocatoria do Programa de Garantía Xuvenil para as anualidades 2024-25, cun investimento de 6,6M€, permiten impulsar en Galicia 15 obradoiros que...

A Xunta potencia a iniciativa emprendedora dos galegos retornados cunha liña de axudas de...

0
O Diario Oficial de Galicia  publica hoxe unha nova convocatoria deste programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 7 de febreiro...

A Xunta impulsa o desenvolvemento de solucións innovadoras coas que facer fronte ás emerxencias...

0
— O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, participaron hoxe na apertura...

A Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés...

0
― En concreto, asumíronse as doazóns de dous pulmóns, un fígado, seis riles e as ditas dúas córneas ― Nesta área sanitaria foron detectados tres...

Publicacións Relacionadas