HomeXunta de GaliciaA Xunta avalía co concello de Bueu e coa veciñanza de Ons...

A Xunta avalía co concello de Bueu e coa veciñanza de Ons posibles melloras coas que optimizar os servizos prestados á cidadanía da illa

- Anuncio -spot_img
  • O Executivo galego lembra que vai dotar ao arquipélago dun novo sistema de grupos electróxenos para mellorar a subministración eléctrica ao tempo que traballa nun proxecto para instalar placas fotovoltaicas co que facer que o servizo sexa máis eficiente e respectuoso co medio ambiente
  • A Administración autonómica estudará outras cuestións como a posibilidade de regularizar espazos anexos dalgunhas vivendas, un sistema de bonificación dos desprazamentos á illa ou melloras no sistema de notificación das visitas

Distintos representantes da Xunta de Galicia participaron hoxe na Mesa por Ons para avaliar co Concello de Bueu e coa veciñanza posibles melloras coas que optimizar os servizos prestados á cidadanía da illa, afondando así nos investimentos realizados nos últimos anos.

Os responsables do Executivo galego escoitaron as demandas do resto de integrantes da Mesa por Ons -o Goberno local de Bueu e a Asociación de Veciños e Amigos das Illas de Ons- relacionadas con cuestións como a subministración eléctrica e a mobilidade ao arquipélago ou con trámites administrativos relacionados coas vivendas, nas que se comprometeron a estudar as distintas propostas co fin de chegar, na medida do posible, a solucións de consenso.

No caso da subministración eléctrica, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, explicou que a Xunta vai dotar á illa dun novo sistema de grupos electróxenos co fin de renovar, modernizar e mellorar a xeración de electricidade, ao que se destina un orzamento de arredor de 275.000 euros.

O fin último é prestar o mellor servizo posible ao conxunto da veciñanza e evitar cortes, motivo polo que tamén se está a traballar no deseño dun proxecto a medio e longo prazo para a instalación de placas fotovoltaicas no arquipélago. Esta iniciativa melloraría a eficiencia enerxética e o respecto medioambiental das infraestruturas eléctricas, pero suporía un importante investimento económico, motivo polo que se está a analizar a posibilidade de contar con financiamento europeo.

En canto a cuestións como a regularización de distintos anexos existentes nalgunhas vivendas de Ons, os responsables da Xunta trasladaron á asociación de veciñas e veciños que é preciso analizar caso por caso, e comprometéronse a estudar este mesmo ano preto dunha vintena de expedientes entregados pola entidade durante a propia reunión.

En canto á mobilidade, Xunta, Concello e a Asociación de Veciños e Amigos das Illas de Ons analizaron a posibilidade de selar un convenio de colaboración entre o Executivo galego, o Goberno local e as empresas navieiras co fin de ofrecer bonificacións, cuestión que se volverá a abordar entre as partes despois do verán.

Na mesma liña, tamén se acordou buscar fórmulas para simplificar os trámites, recorrendo a ferramentas dixitais, para comunicar os desprazamentos á illa correspondentes ao cupo de visitantes reservado para a veciñanza.

Outros investimentos

Durante o encontro os representantes da Administración autonómica destacaron outros investimentos realizados para velar pola protección dos valores naturais, culturais e patrimoniais -como a recuperación da capela de San Xaquín, cun investimento estimado de 170.000 euros- así como para preservar os ecosistemas deste espazo protexido garantindo ademais o desenvolvemento dun turismo sostible.

De feito, entre as actuacións máis importantes que se están a desenvolver en Ons están a mellora do ciclo da auga no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que inclúen a construción dunha depuradora de última xeración en Ons -que se prevé que entre en funcionamento este verán- e a mellora das instalacións para o abastecemento de auga potable tanto á veciñanza como ao resto de servizos existentes na illa. Estes traballos, que se completarán ao longo deste ano, contan cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros.

A maiores, a Xunta realiza outros investimentos permanentes de coidado da contorna como a eliminación de especies exóticas invasoras, a limpeza dos distintos espazos ou a dispoñibilidade dun servizo de asistencia sanitaria para atender calquera emerxencia que poida producirse no arquipélago.

Publicacións Relacionadas