- Ángeles Vázquez explica que esta área localizarase no parque Angelita Paradela, que na actualidade funciona como área de esparexemento para a veciñanza
- A Xunta asumirá a redacción do proxecto e a construción desta infraestrutura recreativa, mentres que o Concello cederá os terreos, facilitará os permisos municipais e farase cargo do seu posterior mantemento e xestión
- Explica que, no marco do obxectivo de dotar as sete cidades galegas dun espazo destas características, en Ferrol está previsto que rematen as obras este ano e estanse a manter contactos con Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra
- Esta medida para mellorar o benestar dos animais de compañía engádese ás axudas de 2026 para concellos e protectoras para o coidado de exemplares abandonados así como para impulsar a adopción, cun orzamento de 1,35 M€
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a construción dun gran parque canino urbano na cidade, que será o segundo destas características en Galicia.
Esta área localizarase no parque Angelita Paradela, que, na actualidade, funciona como zona verde de esparexemento veciñal, en terreos cedidos polo Concello que, ademais, tamén facilitará os permisos municipais necesarios para a obra e farase cargo do seu posterior mantemento e xestión. O Executivo galego, pola súa parte, asumirá a redacción do proxecto e a posterior construción desta infraestrutura recreativa.
En concreto, o espazo proxectado ocupará unha superficie construída de aproximadamente 2.100 metros cadrados e á falta de que se concreten os detalles de deseño no proxecto, estará equipado con diferentes elementos destinados a garantir o ocio, lecer e exercicio físico dos animais de compañía, así como o mobiliario necesario para os seus propietarios. Trátase de elementos fundamentais para mellorar o benestar dos animais e que os donos poidan cumprir máis facilmente coa obriga legal de proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso de acordo coas súas necesidades así como unha contorna libre de estrés.
Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez salientou que a Xunta da un paso máis no seu compromiso de dotar as sete cidades galegas cun gran parque canino para mellorar a atención e benestar dos animais de compañía.
Neste sentido, explicou que en Ferrol, cuxo Concello foi o primeiro a amosar interese por esta iniciativa, a previsión é que as obras estean rematadas este mesmo ano, e estanse a manter contactos con Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra coa idea de poder definir e desenvolver os proxectos canto antes.
Outras medidas
Ángeles Vázquez salientou que esta iniciativa se enmarca no compromiso do Executivo galego co benestar animal. De feito, en 2026 a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinará un total de 1,35 M€ ás diferentes liñas de financiamento tanto para apoiar a adopción de animais de compañía por parte de particulares como para axudar a entidades locais e asociacións protectoras a sufragar os custos da atención que prestan nos seus territorios e centros.
Ademais, levaranse a cabo outras accións como a posta en marcha do primeiro centro autonómico de protección animal, en Curtis (A Coruña), cun custo estimado de 2 M€ e cunha capacidade para acoller 500 cans e gatos. Este centro ten como obxectivo reforzar a nivel autonómico o labor desempeñado polas administracións locais e as entidades sen ánimo de lucro. Nesa liña, prestarase especial atención a aqueles municipios con menos poboación, que son os que teñen máis dificultades para dispor dos medios necesarios para asumir de maneira satisfactoria estas tarefas e cumprir coas obrigas legalmente establecidas.



