O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director de Administración e Relacións Amigos do Camiño do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, mantivo unha reunión coa presidenta da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés e tenente de alcalde do Concello de Arzúa, Begoña Balado, que acudiu acompañada da directiva da entidade. Durante a reunión, analizaron a colaboración prestada pola Xunta de Galicia coa entidade e con cada un dos concellos que a integran no bienio 2024-2025 que ascendeu a máis de 1M€.
Xosé Merelles puxo en valor todas as accións desenvoltas no marco deste acordo que incluíron actuacións de melloras paisaxísticas, embelecemento de recursos, eficiencia enerxética e do trazado do Camiño, ademais, da contratación de persoal técnico para as oficinas de turismo dos concellos polos que transcorre o Camiño Francés en Galicia. Ademais, avanzaron nas liñas de traballo de cara ao Xacobeo 2027.



