HomeXunta de GaliciaA Xunta avanza da man de patronal e sindicatos no marco do...

A Xunta avanza da man de patronal e sindicatos no marco do diálogo social para consolidar o emprego de calidade e abordar retos do mercado laboral

- Anuncio -spot_img

― José González salienta a importancia do Diálogo Social e de reforzar a súa transversalidade co gallo dunha xuntanza para avaliar os orzamentos e proxectos de 2025, incluído o plan de traballo xunto co tecido produtivo e as centrais sindicais


― Pon de relevo o labor do Goberno galego da man das empresas para a cobertura de vacantes, unido á aposta pola modernización do Servizo Público de Emprego e pola formación á carta a través das microformacións promovidas desde Europa


― Fai fincapé na importancia da colaboración público-privada a través do proceso de escoita activa aberto para abordar cuestións de calado como a redución da xornada laboral ou o absentismo, que demandan actuacións coordinadas

A Xunta avanza da man de patronal e sindicatos no marco do Diálogo Social para consolidar a competitividade das empresas e o emprego de calidade. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse hoxe co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, co secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT), José Antonio Gómez, e coa secretaria xeral de Comisións Obreiras Galicia (CCOO), Amelia Pérez, para tratar cuestións como os orzamentos da Consellería para o ano que vén, a modernización do Servizo Público de Emprego e o plan de traballo no seo do propio Diálogo Social.
Na xuntanza, na que José González estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, os representantes autonómicos destacaron que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración disporá en 2025 de 497 millóns de euros para —en colaboración co tecido produtivo e coas centrais sindicais— crear emprego de calidade e impulsar o emprendemento, ademais de reter e atraer talento -co foco posto no retorno de galegos emigrados- e apoiar o comercio local.
Nese camiño, dixo o conselleiro, tanto os sindicatos como a patronal son vitais, tamén para converter o Servizo Público de Emprego no gran nodo de empregabilidade da nosa Comunidade co gallo de axudar a casar as necesidades do tecido produtivo coas capacidades das persoas que buscan traballo. Para conseguilo, destacou iniciativas como EMi, coa que se realizará o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano, co obxectivo de axustar oferta e demanda de xeito máis eficaz. O próximo 2025 seguirase desenvolvendo EMi con 1 millón de orzamento para novas accións como unha aplicación móbil que permitirá a colectivos estratéxicos como a xente nova realizar autoperfilados e beneficiarse das recomendacións na busca de emprego baseadas en datos do mercado laboral galego. Outros 1,6 millóns destinaranse a obras nas oficinas de emprego e continuarase —entre outras medidas— co reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego que leva atendido máis de 50.000 persoas desde o verán de 2023.
González fixo fincapé noutras apostas como a flexibilización da formación para atender as demandas do tecido empresarial a través de propostas á carta materializadas en microformacións e microcredenciais. Volveu destacar a necesidade de implicación de todos, máis especialmente no plan de traballo do Diálogo Social de 2025, dentro da nova organización de mesas establecida e dando pulo a este espazo de colaboración primordial. No caso do emprego, cunha mesa específica distribuída nos grupos de traballo de políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo e Igualdade laboral.
Cuestións de calado
O conselleiro incidiu en que cómpre acadar solucións conxuntas e, nese senso, avogou pola transversalidade do Diálogo Social. Lembrando o proceso de escoita activa aberto cos axentes socioeconómicos representativos de Galicia, apelou á colaboración público-privada para avanzar en eidos como o da prevención de riscos laborais ou na redución da xornada laboral, que debe ser abordada —insistiu— dende o diálogo, con lealdade institucional e sen imposicións.

Publicacións Relacionadas