- Ao abeiro do programa formativo que se pon en marcha por primeira vez da man do Clúster do Ecommerce Galego, escolléronse proxectos de distribución de produtos alimentarios, cosméticos, relacionados coa moda ou coa artesanía, entre outros
- Apóstase pola formación e pola mentorización no proceso de deseño, desenvolvemento e posta en marcha de iniciativas de comercio electrónico, tendo en conta que 11 das empresas xa venden online, 4 só teñen local físico e 8 ambas opcións
- Así, os 23 proxectos escollidos -a maioría asesorados na Rede de polos de emprendemento-, aprenderán a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña partindo de cero ou modernizando empresas xa existentes
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración traballa xa cun total de 23 iniciativas empresariais -13 delas asesoradas na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego- no marco da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, o primeiro programa de formación que se levará a cabo da man do Clúster do Ecommerce Galego e no que se botará man de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico para que os proxectos elixidos aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña.
O programa está dirixido tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital. De feito, das 23 empresas escollidas, 11 xa venden online e outras 4 só teñen local físico, mentres outras 8 contan con ambas opcións habilitadas pero con interese en potenciar a venda electrónica.
En concreto, a través de Xerme Ecommerce, avógase pola formación e pola mentorización, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes para que os emprendedores busquen oportunidades en todos os mercados, apoiados en expertos profesionais na materia.
Canto aos sectores representados, 20 dos proxectos elixidos refírense a produtos, mentres os outros tres abranguen servizos de viaxes, turísticos e de formación respectivamente. No primeiro grupo, destacan as iniciativas de distribución de produtos alimentarios, cosméticos, relacionados coa moda ou coa artesanía, entre outros relativos á xoiería, á cultura, á tecnoloxía ou ao campo dos xoguetes.
O Clúster
O Clúster do Ecommerce Galego co que se leva a cabo por vez primeira o programa Xerme Ecommerce aposta polo desenvolvemento do talento e da competitividade das empresas galegas mediante o apoio, incentivo e promoción do comercio electrónico.
A través do Clúster promóvese que convivan empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.

