A Xunta avanza nas medidas de illamento para manter os murasi de Lugrís nas mellores condicións

Redacción

— Ángel Miramontes lembra que o Goberno galego está a facer “un seguimento exhaustivo do estado do conxunto en comunicación cos titulares do inmoble”

— Tal e como explica, preténdese “definir o mellor método para salvagardar as pinturas, a modo de cápsula, durante unhas obras moi necesarias”

A Xunta de Galicia está a facer “un seguimento exhaustivo do estado de conservación dos murais de Lugrís e en comunicación cos propietarios do inmoble co fin de interesarse pola elaboración do proxecto de rehabilitación”. Así o afirmou o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, na súa intervención na Comisión 4ª do Parlamento galego, onde respondeu unha pregunta con respecto á protección das pinturas localizadas nun edificio da rúa Olmos da Coruña e declaradas polo Goberno galego Ben de Interese Cultural.

Deste xeito, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que desde o seu departamento “estase traballando na documentación técnica para definir o mellor método para protexer os murais e que non se vexan afectados polas futuras obras no local”. Neste senso, lembrou que a idea é illar, a modo de cápsula, a planta baixa do edificio para salvagardar as pinturas da auga que se filtra no espazo e doutras posibles afectacións.

Así mesmo, Ángel Miramontes puntualizou que desde que a Xunta de Galicia adquiriu o conxunto mural no 2024, e tendo en conta que a titularidade do edificio é particular, “ten mostrado o seu total compromiso coa súa recuperación, mantemento e posta en valor”. Fixo así referencia ás distintas accións desenvolvidas para estudar e valorar tanto o seu estado como o do seu soporte, co obxecto de definir as patoloxías previas a calquera intervención.

Nesta liña, realizáronse traballos de toma de datos 3D de alta precisión en soporte xeométrico e levouse a cabo un estudo construtivo e estrutural do edificio. Ademais, analizáronse os estratos policromados, procedendo á fixación dos que se atopaban en risco de desprendemento, e executáronse outras accións puntuais de urxencia para evitar a afectación polo progresivo deterioro do local, sobre todo polas filtracións de auga e as gretas. Todo isto completouse con estudos históricos e artísticos e redactouse un informe de diagnose e proposta de intervención.

Comparte este artigo