A Xunta avoga pola anticipación e a planificación adaptativa na xestión dos recursos hídricos nun contexto marcado polo quecemento global

Redacción
  • Tras sinalar que os extremos climáticos relacionados coa auga son cada vez máis frecuentes, Ángeles Vázquez incide en que xa non se poden tomar decisións en base só a datos históricos senón que hai que adiantarse para reforzar a resiliencia hídrica
  • Destaca a singularidade de Galicia, unha comunidade con auga en abundancia e unha precipitación media superior á doutras rexións pero na que a xestión dos servizos hídricos é especialmente complexa pola gran dispersión da súa poboación
  • Defende o traballo de Augas de Galicia neste eido, que incide na cooperación cos concellos, na dixitalización dos procesos e na modernización das infraestruturas hidráulicas, con 65 M€ comprometidos ata 2030 para afrontar inundacións e secas

A Xunta de Galicia defende un modelo de xestión dos recursos hídricos baseado na anticipación e na planificación de políticas e accións adaptadas á realidade da Comunidade nun escenario marcado a nivel mundial polo quecemento global e os seus efectos.

Así o expuxo esta mañá en Santiago a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou na clausura do foro organizado por La Voz de Galicia e a empresa Facsa baixo o título Impacto do cambio climático nos recursos hídricos, que serviu para presentar o último estudo realizado pola entidade sobre os efectos dos extremos climáticos na auga.

Tras sinalar que tanto os períodos de seca prolongada como os episodios de chuvia intensa e inundacións son cada vez máis frecuentes a nivel mundial, a responsable autonómica incidiu en que, neste contexto, xa non se pode abordar a xestión hídrica baseándose exclusivamente nos rexistros históricos existentes. Pola contra, avogou por planificar e prepararse con antelación ante eventuais eventos extremos e emerxencias que poidan ter unha incidencia directa na dispoñibilidade de auga.

Segundo as conclusións do estudo realizado por Facsa, Europa é o continente que máis rápido se está quentando e nestes momentos se calcula que o estrés hídrico xa afecta cada ano a aproximadamente o 20% do territorio europeo e ao 30% da súa poboación.

Neste contexto, a realidade de Galicia ofrece un escenario singular e complexo. Tal e como destacou a conselleira, trátase dun territorio caracterizado pola abundancia de auga e por un patrimonio hídrico moi diverso, cunha rede fluvial de máis de 30.000 km e precipitacións medias anuais que superan á da maior parte das comunidades españolas.

A conselleira tamén recordou que Galicia concentra arredor da metade dos núcleos de poboación de todo o país e, de feito, ten unha das maiores dispersións poboacionais de Europa, unha característica que fai que a xestión da auga e a prestación dos servizos básicos relacionados coa mesma sexa particularmente complexa.

A modo de exemplo, cómpre sinalar que a rede de saneamento autonómica está integrada por máis de 25.000 km de colectores e que no conxunto da comunidade hai máis de 5.000 captacións inventariadas, 929 Estacións de tratamento de auga potable (ETAP) e 156 Estacións de depuración de augas residuais (EDAR) de gran capacidade.

Esforzo sen precedentes

Ángeles Vázquez destacou o labor realizado por Augas de Galicia neste eido co obxectivo de levar os servizos de abastecemento e de depuración a miles de núcleos de poboación repartidos por todo o territorio galego.

Neste sentido, explicou que para poder ofrecer solucións específicas e adaptadas á realidade autonómica, a clave está nun modelo de xestión baseado na cooperación institucional cos concellos, que son os que teñen as competencias sobre estes servizos; na dixitalización dos procesos para dispoñer de máis e mellores datos e na aposta por proxectos innovadores, pioneiros e baseados nas mellores ferramentas tecnolóxicas (como Innovaugas 4.0. ou AugaTech); e na modernización e renovación das infraestruturas hidráulicas existentes.

En concreto, incidiu en que a Xunta está a facer “un esforzo sen precedentes” para reforzar a resiliencia hídrica de Galicia ante fenómenos extremos. Así, só este ano o organismo hidráulico autonómico destinará 89 millóns de euros do seu orzamento a executar obra pública e no marco da súa estratexia fronte ás inundacións, ten reservados de aquí a 2030 investimentos por un importe global de 65 millóns de euros.

“Temos todos os elementos necesarios para converter Galicia nun referente na xestión sostible da auga”, rematou a conselleira, que destacou que o 80% das masas de auga baixo a competencia da Xunta se atopan en bo estado (por riba do 60% estatal) e que desde 2009 se logrou reducir os puntos de vertido contaminantes do 45% ao 6,2% do total. En todo caso, insistiu na necesidade de seguir traballando na mesma liña porque as decisións que se adopten hoxe neste eido terán unha incidencia clave na capacidade de adaptación e resiliencia das futuras xeracións ao cambio climático.

Comparte este artigo