A Xunta celebra hoxe a edición de xullo de “Artesanía de Galicia en Merza” para seguir promovendo a comercialización do producto artesán galego

Redacción

Este sábado ten lugar unha nova edición mensual deste evento impulsado polo Goberno galego en colaboración co obradoiro Eferro, con 10 obradoiros da marca Artesanía de Galicia e actividades complementarias como un taller gratuíto de macramé

A Xunta continúa a impulsar a comercialización do produto artesán galego a través da iniciativa Artesanía de Galicia en Merza, unha serie de feiras de carácter mensual que se están a celebrar desde o pasado abril en colaboración co obradoiro Eferro, no seu espazo de actividades culturais e lúdicas en Merza (Vila de Cruces) denominado eferroGhalpón. Na edición deste mes de xullo, participan 10 obradoiros artesanais especializados nos ámbitos do vidro, da encadernación, da sombreirería, da bixutería, da cerámica, dos complementos de moda, do feltro e da xoiería.

En concreto, participan como expositores Elgoal (A Rúa), Julia Vilariño (Pontedeume), LatonQueen (Santiago de Compostela), Nobelo a Nobelo (Vedra), Otero Regal Cerámica (Viveiro), Pasamarela (A Coruña), Tokillama (Ferrol), Serendipia (Viana do Bolo) e os obradoiros de Ribeira Arlequina Diseño e Sofo. A feira está aberta de 11,00 a 15,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

No marco deste evento, estase a realizar un taller téxtil de macramé, Tecendo flores cos dedos, impartido pola artesá Ana Loredo, do obradoiro Nai Diseños (Vigo) e que rematará ás 19,00 h. A programación da feira complétase cunha sesión vermú do grupo Son Galaico a partir das 13,30 h., e un monólogo de Xosé Antonio Touriñán, a partir das 20,00 h.

Comparte este artigo