- Trátase dun proxecto piloto que arranca en abril no marco do proxecto ‘+Mobe: mobilidade rural, sostible e inclusiva en Pontevedra’ co obxectivo de reforzar as conexións coa capital da provincia
- Os servizos serán gratuítos para as persoas usuarias e efectuaranse de luns a venres en días non festivos
- A medida enmárcase no apoio do Goberno galego á mellora da mobilidade no ámbito local e especialmente no rural
A Xunta colabora coa Deputación de Pontevedra na implantación de novos servizos de transporte público en Campo Lameiro, Moraña e Portas no marco do proxecto +Mobe: mobilidade rural, sostible e inclusiva en Pontevedra, impulsado polo ente provincial. Así se establece no convenio de colaboración asinado hoxe polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, co presidente da Deputación, Luis López, cos alcaldes destes concellos, Carlos Costa, José Luis Gómez e Ricardo Martínez, respectivamente, e cos representantes das empresas concesionarias, Aurelio Cuíña e Raúl López. O acto contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
O obxectivo é avanzar na mellora da mobilidade das áreas rurais da provincia, a través da posta en marcha de novos servizos para unha mellor conexión destes concellos coa cidade de Pontevedra. Segundo o convenio, a Deputación Provincial de Pontevedra, como entidade promotora do proxecto, asumirá integramente o financiamento dos novos servizos, que se efectuarán de luns a venres, en días non festivos. A medida, que arranca de xeito piloto en abril, aplicarase de forma gratuíta para todas as persoas usuarias.
Así, Campo Lameiro contará coa habilitación de seis novas conexións que permitirán mellorar a mobilidade da cidadanía cara á cidade de Pontevedra. En concreto, están previstas tres expedicións en sentido de ida con horarios de saída ás 08.15, 11.40 e 15.10 horas, así como tres expedicións de volta con saídas ás 07.35, 11.00 e 14.30 horas.
Pola súa banda, o Concello de Moraña verá tamén reforzadas de maneira significativa as conexións con Pontevedra coa implantación de seis novos servizos de transporte regular, consistentes en tres expedicións de ida con horarios de saída ás 6.30, 10.00 e 13.30 horas, así como tres expedicións de retorno con saídas ás 09.05, 12.30 e 16.00 horas.
No caso da poboación de Portas, terá á súa disposición oito novos servizos de transporte cara á cidade. As expedicións en sentido Pontevedra realizaranse ás 7.15, 9.30, 11.30 e 13.30 horas, mentres que os servizos desde Pontevedra a Portas están programados para as 08.15, 10.30, 12.30 e 14.30 horas.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.
O proxecto +Mobe: mobilidade rural, sostible e inclusiva en Pontevedra é unha das cen iniciativas seleccionadas na convocatoria de axudas para proxectos innovadores destinados á transformación territorial e á loita contra o despoboamento, promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O proxecto, dotado con 500.000 euros, foi concibido para mellorar o sistema de transporte público e favorecer unha mobilidade máis sostible e inclusiva nas zonas que presentan maiores retos demográficos.
Apoio á mobilidade no eido local
O conselleiro animou a veciñanza de Campo Lameiro, Moraña e Portas a facer uso do transporte público coa activación dos novos servizos. A maiores, lembrou que a Xunta pon á súa disposición as Tarxetas de Mobilidade de Galicia, que ofrecen vantaxes e descontos, así como viaxes gratuítas a menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova e a maiores de 65 coa Tarifa +65.

