En concreto, a intención é que ambos organismos cooperen na promoción de actividades divulgativas dirixidas a distintos colectivos e dun curso só para colexiados
A Xunta colaborará co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) no impulso e execución de varias iniciativas divulgativas relacionadas cos espazos naturais e dirixidas tamén aos profesionais do sector que exercen a súa actividade na Comunidade.
Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e unha ampla representación da directiva do COBGA durante a reunión que mantiveron esta tarde para abordar este e outros asuntos de interese para o colectivo profesional ao que representa.
En concreto, o departamento autonómico e o referido Colexio subscribirán un convenio de colaboración que terá como obxecto organizar e promover diferentes actividades de divulgación entre os colectivos que poidan estar interesados e un curso de formación dirixido a biólogos e biólogas galegos. A temática, en ambos casos, estará centrada nos espazos e especies de interese comunitario existentes na Comunidade galega.
Cómpre subliñar que o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, que naceu como delegación autonómica do Colexio nacional, comezou a traballar na Comunidade no ano 1987 e conta nestes momentos con máis de 1.325 membros.