HomeXunta de GaliciaA Xunta colaborará coa Confederación de Empresarios de Galicia para favorecee a...

A Xunta colaborará coa Confederación de Empresarios de Galicia para favorecee a inserción laboral dos deportistas de alto nivel

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, asinaron o convenio co presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, que permitirá tamén difundir formación e información empresarial de interese para os deportistas
  • Outro acordo entre as consellerías de Deportes e de Emprego asinado hoxe recolle medidas de apoio que se realizarán desde a Oficina de Atención ao Deportista

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, asinaron esta mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) un convenio co presidente de Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, para favorecer a inserción laboral dos deportistas de alto nivel (DGAN) e, ao mesmo tempo, difundir accións, formación e informacións empresariais de interese.

Ao acto de hoxe acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como unha decena de deportistas: Teresa Portela, Frank Casañas, Lua Piñeiro, Gustavo Dacal, Saleta Fernández, Santiago Ferrer, Susana García Senra, Suso González, Belisa González e Víctor Riobó.

En concreto, o acordo asinado coa CEG pretende promover a realización de prácticas de fin de grao ou fin de máster nas empresas asociadas e difundir ofertas de emprego e oportunidades laborais destas entidades, ás que se lles fará chegar, ao mesmo tempo, as demandas de emprego dos deportistas de alto nivel. Tamén inclúe a difusión sobre o deporte e os seus valores empresariais ou a organización e colaboración na realización de accións para dar a coñecer proxectos empresariais destes DGAN ás empresas.

Por outra parte, o conselleiro de Deportes e  o secretario xeral de Emprego asinaron outro convenio coa Fundación Deporte Galego para desenvolver medidas de apoio ao emprego na Oficina de Atención ao Deportista, desde a que se informa aos deportistas galegos dos recursos á súa disposición en ámbitos como a formación, a inserción laboral e a conciliación laboral-deportiva e académico-deportiva, tanto durante como despois da súa carreira deportiva. De feito, este acordo vai dirixido a poñer en marcha accións relacionadas coa formación e o emprego a deportistas en activo e aos que xa finalizaron a súa carreira profesional  e queiran reintegrarse no mundo laboral.

Deste xeito, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ofrecerá programas de formación, información e orientación, intermediación laboral ou asesoramento de cara a facilitar á deportistas galegos de alto rendemento e alto nivel acompañamento no seu proceso de inserción laboral ou apoio ao emprendemento e o autoemprego a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Ademais, no que se refire ás competencias profesionais, habilitaranse vías de obtención de certificados profesionais ou competencia e, a través da ferramenta Emprego Intelixente (EMI), o programa de perfilado competencial permitirá detectar as competencias profesionais requiridas para as ocupacións solicitadas co obxectivo de que incrementen a efectividade na busca de emprego.

Diego Calvo destacou os valores de convivencia que os deportistas de alto nivel adquiren ao longo da súa traxectoria como “ traballo en equipo, compromiso ou conciencia social, ás que se suman as capacidades adquiridas co propio exercicio da competición como dedicación ou cooperación”. Neste sentido apuntou que, os dous convenios asinados no día de hoxe, teñen como obxectivo favorecer “a reinserción dos nosos deportistas na sociedade como traballadores cualificados cando deciden deter a súa actividade física”. Por iso, destacou a importancia de dar este paso para que o deporte de alto nivel estea presente no mundo da empresa e así “aportar ao tecido económico de Galicia os seus valores e experiencia”.

Cómpre lembrar que desde a Oficina de Atención ao Deportista tamén se canaliza o Programa de Axuda ao Deportistas (Proade) para atender as demandas sobre orientación e conciliación laboral e académica ou asistencia psicolóxica. Este programa funciona como  unha ferramenta para prestar asesoramento psicolóxico, titorización e orientación no ámbito do deporte de alto nivel e formalizouse o ano pasado coa sinatura dos acordos coas tres universidades galegas para fomentar a conciliación académica de deportistas universitarios e co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia co obxectivo de financiar sesións gratuítas de atención psicolóxica.

Publicacións Relacionadas