A Xunta consolida o apoio aos Centros Especiais de Emprego coa nova orde de 27M€ que se publica mañá a prol a inclusión laboral de persoas con discapacidade

Redacción
Lectura mínima de 5
  • José González destaca o compromiso do Goberno galego co impulso da economía social, á que se destinan este ano preto de 45 M€, e co apoio a un modelo que xera emprego de calidade, cohesión social e equilibrio territorial
  • Lembra que mañá venres o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a convocatoria autonómica de axudas de 2026 para estas entidades, que permitirá contribuír ao mantemento duns 6.600 postos de traballo
  • Do total do orzamento, 24,4 M€ destinaranse ao financiamento dos custos salariais das persoas traballadoras con discapacidade, mentres que 1,6 M€ se dirixirán á contratación de profesionais das unidades de apoio
  • A convocatoria inclúe tamén incentivos para a creación de emprego indefinido vinculados á realización de investimentos en activo fixo, así como apoios para adaptación de postos, a eliminación de barreiras e a asistencia técnica
  • No marco da nova Lei integral de impulso á economía social, Galicia consolídase como caso de éxito e referente para a elaboración do Catálogo estatal de entidades de economía social, do que a Comunidade xa dispón desde 2016

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, inaugurou esta maña o Congreso Nacional dos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social, organizado por Cegasal, que reúne na capital galega a representantes institucionais, entidades sociais e profesionais vinculados á inclusión laboral e á economía social.

Durante a súa intervención, o conselleiro puxo de relevo o papel esencial dos centros especiais de emprego como ferramenta clave para a inserción laboral das persoas con discapacidade e para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva. Así mesmo, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da economía social e co apoio a un modelo que xera emprego de calidade, cohesión social e equilibrio territorial.

Nese sentido, lembrou que mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a nova convocatoria autonómica de axudas para estas entidades, dotada con 27 M€ e que permitirá contribuír ao mantemento duns 6.600 postos de traballo. Deste orzamento, 24,4 M€ destinaranse ao financiamento dos custos salariais das persoas traballadoras con discapacidade, mentres que 1,6 M€ se dirixirán á contratación de profesionais das unidades de apoio, que prestan acompañamento especializado a preto de 900 persoas con maiores dificultades de inserción. A convocatoria inclúe tamén incentivos para a creación de emprego indefinido vinculados á realización de investimentos en activo fixo –como o acondicionamento de locais, a adquisición de maquinaria ou equipamentos informáticos— cunha axuda que pode chegar aos 25.000 euros, así como apoios para a adaptación de postos de traballo, a eliminación de barreiras e a asistencia técnica. As achegas poderán solicitarse durante un mes a contar desde o 29 de abril

Galicia, referente en economía social

O titular de Emprego enmarcou este compromiso na Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, que prevé a creación de 4.000 empregos e o impulso de 400 novas entidades. Neste contexto, sinalou que a Xunta destina este ano preto de 45 M€ ao conxunto da economía social, con diferentes liñas de apoio, entre as que mencionou ordes co prazo aberto como as dirixidas ás empresas de inserción laboral (1,5 M€) ou Aprol Economía Social (5M€).

Ademais, destacou que Galicia conta cunha posición de referencia no novo escenario normativo estatal tras a aprobación da Lei integral de impulso á economía social, que recupera a obriga de dispoñer dun Catálogo estatal de entidades de economía social. Neste sentido, a Comunidade galega foi pioneira coa creación do seu propio catálogo hai xa dez anos, unha ferramenta que permitiu identificar, estruturar e dar visibilidade ao conxunto do sector en Galicia. Trátase dun instrumento que hoxe está a constituír un caso de éxito e unha referencia tanto para o desenvolvemento dos catálogos noutros territorios como para a configuración do futuro catálogo estatal previsto na nova normativa.

Comparte este artigo