A Xunta consolida un modelo integrla de xestión de residuos baseado no apoio aos concellos, a concienciación cidadá e a aposta pola dixitalización

Redacción
  • María José Echevarría sinala que este modelo pasa por unha xestión máis sostible dos residuos, sustentada na prevención como primeira opción e co tratamento dos biorresiduos como principal reto inmediato
  • Lembra que desde 2018 a Xunta destinou preto de 40 M€ en axudas ás entidades locais coas que se financiaron centos de proxectos que contribuíron de forma decisiva a que Galicia avance no cumprimento das obrigas comunitarias neste eido
  • O Plan de transformación dixital permitirá mellorar a eficacia e aforrar custos xa que porá á disposición dos municipios practicamente en tempo real datos sobre as cantidades de residuos recollidas por cada camión
  • A Xunta tamén presta asesoramento técnico, tanto aos concellos como ás empresas, a través das oficinas de economía circular, que no seu primeiro ano de traballo superaron as 400 actuacións directas

A Xunta de Galicia está a consolidar un modelo integral de xestión de residuos baseado no apoio aos concellos, a concienciación cidadá e a aposta pola dixitalización, tal e como indicou hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria.

Durante a súa intervención, Echevarría indicou que o Goberno galego está comprometido cos obxectivos europeos en materia de residuos e, ante a intensa evolución normativa dos últimos anos, reforzou o seu apoio aos concellos para axudalos a cumprir as súas obrigas ante estes novos retos.

Segundo explicou a directora xeral, “este modelo pasa por unha xestión máis sostible dos residuos, sustentada na prevención como primeira opción e co tratamento dos biorresiduos como principal reto inmediato”.

Ante isto, “defendemos un modelo flexible, adaptado á realidade de cada municipio e ofrecemos un financiamento aberto, con múltiples liñas, para que sexan as entidades locais as que poidan elixir como chegar á consecución dos obxectivos, en función das súas características territoriais, poboacionais e económicas”, subliñou Echevarría.

Nese senso, lembrou que desde 2018 a Xunta destinou preto de 40 millóns de euros en axudas ás entidades locais coas que se financiaron centos de proxectos municipais que contribuíron de forma decisiva a que Galicia avance no cumprimento das obrigas comunitarias nesta materia.

Este ano en concreto, a Xunta convocou axudas para a recollida separada de biorresiduos, a adquisición de vehículos específicos para a recollida de materia orgánica, proxectos de implantación da recollida separada da fracción de residuos téxtiles, melloras dos puntos limpos fixos, adquisición de puntos limpos móbiles e dixitalización e pago por xeración.

A maiores do apoio económico, a Xunta tamén está a desenvolver outras accións como a mellora continua da rede de infraestruturas. Por exemplo, este ano comezará a funcionar o hub téxtil, cun investimento próximo aos 25 millóns de euros, que será a primeira planta pública para a recuperación destes residuos.

Ademais, o Plan de transformación dixital (R-Dixital) permitirá mellorar a eficacia e aforrar custos xa que porá á disposición dos municipios practicamente en tempo real datos sobre as cantidades de residuos recollidas por cada camión, o que permitirá facer axustes e ofrecer un mellor servizo.

“O eixo central desta estratexia é o establecemento dunha gobernanza sólida dos datos, deseñada para garantir a calidade, a consistencia e a trazabilidade completa da información ambiental ao longo de todo o proceso”, engadiu a directora xeral.

A Xunta tamén presta asesoramento técnico, tanto aos concellos como ás empresas, a través das oficinas de economía circular. Este servizo gratuíto superou no seu primeiro ano de traballo as 400 actuacións directas, o que confirma a demanda real e crecente de apoio en materia de circularidade.

Por outra banda, a directora xeral fixo fincapé na importancia de implicar á cidadanía na correcta xestión dos residuos. Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a impulsar diversas iniciativas para concienciar á poboación nesta materia. Por exemplo, porase en marcha un programa educativo dirixido ao alumnado de entre 7 e 12 anos, de 2ª e 3º curso de educación primaria, que se complementará cunha campaña de sensibilización ambiental dirixida á comunidade educativa.

Tamén se fará unha campaña para fomentar a correcta separación e reciclaxe dos residuos no comercio local, que estará dirixida tanto aos establecementos como á súa clientela.

Comparte este artigo