A Xunta constitúe a Mesa do Diálogo Social de Galicia e arranca a abordaxe cos axentes sociais de temas como benestar laboral e o impacto do absentismo

Redacción
  • José González destaca que coa constitución formal deste espazo, recentemente institucionalizado, se abre unha nova etapa baixo un marco permanente e estable entre Xunta, patronal e sindicatos para abordar os principais retos do mercado laboral
  • Constituíuse tamén a Comisión Delegada da Mesa do Diálogo Social e as Mesas de Economía e Industria e de Emprego, dentro da que xa se aprobou a creación do grupo de traballo para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo
  • Neste marco, ábrese tamén a folla de ruta para recoller achegas de cara ao Plan integral para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo en Galicia, incluíndo sesións específicas con especialistas en distintas materias
  • González indicou ademais que a Xunta continuará avanzando no ámbito das súas competencias na mellora da xestión sanitaria das incapacidades temporais, dando cumprimento ás medidas anunciadas polo presidente Rueda no DEA
  • Destacou o reforzo da inspección sanitaria do Sergas no seu ámbito competencial para evitar situacións como a detectada na Seguridade Social, e a modernización dos protocolos xa existentes coas mutuas nos procesos de control e xestión

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na reunión de constitución formal da Mesa do Diálogo Social de Galicia, recentemente institucionalizado. Con este encontro ábrese unha nova etapa para este espazo de consenso na Comunidade, baixo un marco permanente e regulado de traballo entre a Xunta e os axentes sociais, orientado a abordar de maneira conxunta os principais retos estratéxicos do mercado laboral galego. Trátase, en palabras do conselleiro, dun “proceso aberto no que en calquera momento calquera das partes poderá ir achegando propostas e, se son aplicables, empezar a traballar canto antes”.

Na reunión participaron tamén a secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez; o secretario xeral de UXT, Cristóbal Medeiros; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; o conselleiro delegado executivo da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Valín; e a secretaria xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, Marina Graña.

Así mesmo, na xuntanza quedou constituída a Comisión Delegada da Mesa do Diálogo Social, así como as Mesas de Economía e Industria e de Emprego, dentro da que xa se aprobou a creación do grupo de traballo para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo. Dentro das Mesas abordaranse outras cuestións como as políticas activas de emprego —con especial atención á formación—, a competitividade empresarial nos sectores do naval, da automoción e da enerxía, así como a igualdade laboral e a prevención de riscos laborais e a saúde laboral.

Apertura do proceso de diálogo sobre benestar laboral e absentismo

A reunión marca tamén o arranque do proceso formal de diálogo cos axentes sociais na procura de solucións para abordar a realidade do absentismo laboral en Galicia, sempre “desde unha visión integral e co máximo respecto aos dereitos das persoas traballadoras”. Destacou que o obxectivo é avanzar en medidas de prevención e mellora das contornas laborais, na coordinación dos sistemas, na capacidade de resposta sanitaria e na mellora da xestión administrativa dos procesos vinculados ás incapacidades temporais “a través dunha folla de ruta tripartita baseada no consenso, o rigor e a cooperación institucional”.

No relativo ao calendario de traballo, avanzou que na vindeira semana terán lugar as primeiras reunións da Mesa de Emprego, nas que se abordarán cuestións como a prevención de riscos laborais, a saúde no traballo e a redución do impacto do absentismo. Neses encontros presentarase o informe sobre absentismo laboral elaborado por expertos das universidades de Santiago e Vigo, e celebrarase unha sesión técnica orientada á elaboración da Estratexia galega de benestar laboral no marco do Diálogo Social. Posteriormente, nas vindeiras semanas continuarán as reunións previstas coa participación da Consellería de Sanidade, profesionais da prevención de riscos laborais e da medicina do traballo, así como especialistas en benestar laboral nas empresas, co obxectivo de recoller achegas e avanzar na elaboración do Plan integral para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo en Galicia.

González indicou ademais que a Xunta continuará avanzando no ámbito das súas competencias na mellora da xestión sanitaria das incapacidades temporais, dando cumprimento ás medidas anunciadas polo presidente Rueda no Debate sobre o Estado da Autonomía. Nese senso, destacou o reforzo da inspección sanitaria do Sergas no seu ámbito competencial para evitar situacións como a detectada na Seguridade Social, onde hai “un incremento moi notable no tempo de resolución das baixas de máis dun ano de duración que lle competen pola falta de inspectores”. Tamén aludiu á modernización dos protocolos que regulan a colaboración xa existente coas mutuas nos procesos de control e xestión, co obxectivo de reducir a burocracia, axilizar os trámites e facer o procedemento máis resolutivo, mantendo en todo momento a última palabra do sistema público. Así, salientou como exemplo que as mutuas debían solicitar autorización para cada proba diagnóstica, mentres que a partir de agora bastará cunha única autorización para a realización de todas as probas necesarias no proceso asistencial.

Comparte este artigo