- Ángeles Vázquez salienta a importancia deste trámite pois axudará a garantir o equilibrio entre a protección medioambiental e o desenvolvemento socioeconómico do litoral apostando pola cogobernanza e contando coas aportacións de todos os sectores interesados neste ámbito
- A conselleira volve pedir que o Goberno central suspenda a reforma do Regulamento Xeral de Costas por ser nula de pleno dereito e convoque unha Conferencia Sectorial co fin de debater seriamente sobre a elaboración dunha nova Lei de Costas estatal
- A responsable autonómica advirte de que a proposta ministerial vai xerar incerteza xurídica e litixios xudiciais, provocando conflictividade social polo impacto negativo que vai xerar nas actividades económicas que se desenvolven na franxa costeira
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega.
Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral.
A responsable autonómica explicou que a constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral; elaborar propostas de accións de investigación ou sensibilización; propoñer as medidas que se estimen oportunas para a mellora na xestión sostible do litoral, a accesibilidade e a competitividade dos sectores económicos implicados; e informar, asesorar e propoñer medidas para a adaptación do litoral ao cambio climático.
Neste sentido, incidiu na importancia de realizar estudos que permitan avanzar na resiliencia costeira, algo ao que contribuirá o foro ao poder constituír grupos de traballo -con carácter permanente ou temporal- para facer avaliacións de temas concretos, especialmente os relativos a actuacións estratéxicas que teñan lugar no litoral e resulten esenciais para o desenvolvemento sostible.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, subliñou que cantos máis expertos poidan participar neses traballos mellor, para afondar no espírito de cogobernanza recollido na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga). A interacción e a unión de forzas entre diferentes actores -públicos e privados-, engadiu, é sinónimo de éxito na busca dun equilibrio entre a protección da costa e o desenvolvemento socioeconómico.
Regulamento Xeral de Costas
A conselleira aproveitou o evento para pedir ao Goberno central que escoite ás comunidades autónomas costeiras e convoque unha Conferencia Sectorial co fin de debater sobre a necesidade de aprobar unha nova Lei de Costas estatal. Neste sentido, avogou pola suspensión da reforma do Regulamento Xeral de Costas ao considerar que é nula de pleno dereito.
Ademais de que se utiliza un regulamento para reformar unha normativa de rango superior -algo que non permite o ordenamento xurídico español-, trátase dunha modificación que vai xerar incerteza xurídica e litixios xudiciais, provocando conflictividade social polo impacto negativo que a reforma poida xerar nas actividades económicas que se desenvolven na franxa costeira.
Nesta liña, a responsable autonómica defendeu a necesidade de realizar unha reforma da Lei de Costas estable e consensuada, na que as comunidades autónomas participen activamente. De feito, así o pedirán as rexións costeiras a próxima semana no Senado, onde defenderán a necesidade de reformar a lei e non o regulamento.
Por iso, Ángeles Vázquez concluíu apelando á necesidade de desenvolver unha xestión do litoral integral que cumpra coa tripla perspectiva -promovida tanto pola Xunta como pola Comisión Europea- medioambiental, económica e social, algo ao que tamén contribuirá o Foro do Litoral de Galicia.

