― O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes trasladou que o Goberno galego, a través da promoción en orixe, destinará 100.000 euros a cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e ano
― O apoio da Xunta sumarase ás contías que mobilicen os concellos e as deputacións provinciais, ademais da proposta da propia AENA
― Diego Calvo incidiu en que agarda que o resto das institucións, tanto deputacións provinciais como concellos, se impliquen neste obxectivo para acadar unha proposta conxunta e coordinada
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, reuniuse hoxe con representantes do sector empresarial e turístico da provincia de Pontevedra e da cidade de Vigo, para explicar a colaboración da Xunta destinada á captación de novas rutas aéreas mediante a promoción en orixe.
O Goberno galego continúa así unha rolda de xuntanzas que xa se levou a cabo a semana pasada con estes sectores da cidade de Santiago de Compostela e que esta semana se celebrará tamén cos da Coruña. Ademais, onte mantívose outro encontro con representantes das deputacións provinciais, no que o conselleiro trasladou que agarda que tanto os organismos provinciais como os concellos se impliquen neste obxectivo.
A través destas reunións, a Xunta está a facilitarlles a estas entidades información de primeira man sobre a postura do Goberno galego, en aras á colaboración institucional na captación de novas rutas, malia non ter competencias sobre os aeroportos. Nesta liña, o Goberno galego colaborará co modelo proposto por AENA para captar novas rutas sumando un apoio institucional na procura dunha mellor coordinación na que se impliquen todas as administracións. Deste xeito cada administración deberá realizar as súas achegas para esas novas rutas concretas, acadando así unha proposta coordinada e conxunta que ata o de agora non existía.
Tal e como reiterou na reunión de hoxe, o Goberno galego, a través da promoción en orixe, destinará 100.000 euros a cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e ano. O apoio da Xunta sumarase ás contías que mobilicen os concellos e as deputacións provinciais, ademais da proposta da propia AENA. Con esta medida preténdese que, unha vez que se consiga unha nova ruta, esta sexa rendible a longo prazo, na liña na que a Xunta xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe, cun investimento anual de 13 millóns de euros.
Diego Calvo insistiu en que a Xunta non vai financiar voos, senón que colaborará sumándose ao modelo proposto por AENA para a captación de novas rutas mediante promoción turística en orixe. Así, a Administración autonómica poderá realizar esta promoción directamente e tamén abrirá a posibilidade de asinar convenios cos concellos, se así o desexan, para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións de promoción.
Ademais, o conselleiro lembrou que xa se solicitou unha nova reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia para seguir avanzando e que o resto de administracións realicen as súas aportacións. Novamente o conselleiro apelou a deixar as confrontacións estériles e a traballar nunha mesma dirección, poñendo sobre a mesa as medidas que cada administración vai a poñer en marcha neste sentido.

