A Xunta contribúe a eliminar un punto de vertido no concello de Vila de Cruces e outro no de Vilaboa

adminON
Lectura mínima de 2

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron unha das incidencias durante unha inspección rutineira e a outra tras unha notificación do servizo de emerxencias 112

A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido municipal na parroquia de Gres, no concello de Vila de Cruces, e outro na parroquia de Bértola, no municipio de Vilaboa.  

O persoal do Programa de Control de Vertidos detectou a primeira incidencia no transcurso dos seus labores rutineiros de control no concello de Vila de Cruces. Ese vertido de augas residuais debíase á rotura dun decantador-dixestor do sistema de depuración existente na contorna, polo que chegaban directamente ao dominio público.

No episodio de Vilaboa, os profesionais de Augas de Galicia recibiron unha notificación do servizo de emerxencias 112 na que se advertía da existencia dun vertido de augas residuais urbanas cara ao río Gafos, no lugar de Outeiro. Alí constataron que o vertido se producía a través dun pozo de rexistro da rede de saneamento municipal que estaba en mal estado de conservación.  

Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxeron ambas incidencias en coñecemento dos titulares das instalacións para que adoptasen as medidas oportunas co fin de eliminar eses vertidos.

En inspeccións posteriores o persoal do Programa de Control de Vertidos constatou que ambos episodios foran corrixidos. No caso de Vila de Cruces fora arranxada e selada a rotura no sistema de depuración mentres que no de Vilaboa se procedera ao cimentado do rexistro que se atopaba en mal estado, co que foron eliminados os dous puntos de vertido de augas residuais. 

Comparte este artigo